Santiago, 27 de outubro de 2016- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, marcou o calendario para a aprobación dos Orzamentos autonómicos de 2017, con dous grandes fitos: na primeira xuntanza do novo Goberno, aprobar o Proxecto de lei de teito de gasto, e no Consello do 1 de decembro, previsiblemente, dar o visto e prace ao Proxecto de lei de orzamentos, para que poida comezar a tramitarse na Cámara o antes posible.
“Seguimos consolidando a operatividade dun Goberno estable, viable e previsible, que é o que os galegos quixeron”, indicou Feijóo. Non obstante, a inestabilidade no panorama político nacional impediu que as comunidades puidesen cumprir cos tempos estipulados e fixo que, por primeira vez, a Xunta non puidese aprobar en prazo o teito de gasto.
O Goberno autonómico en funcións foi adiantando traballo, pois leva semanas traballando nun borrador dos Presupostos e a principios de setembro aprobou un teito de gasto provisional para o próximo ano. O presidente lembrou que naquel Consello tamén se pediu un acordo dos grupos políticos do Congreso dos Deputados para deixar gobernar ás comunidades autónomas.
Ese acordo produciuse: vén de aprobarse unha reforma da Lei de estabilidade que permite que as comunidades coñezan xa o límite de déficit para 2016, que se situará no 0,5%. Deste modo, vai ser posible “que o Goberno saínte lle entregue ao que vai tomar posesión uns orzamentos practicamente finalizados”, indicou Feijóo.
Indicadores macroeconómicos
Os Orzamentos seguirán a senda trazada no Plan Estratéxico ata 2020, guía da economía galega, aínda que poderá ser actualizado en función das previsións económicas. Este documento incluirá os seguintes indicadores macroeconómicos: o PIB, que se prevé que medre un 2,3% en 2017, igual ca a media nacional (menos que en 2016, principalmente polo efecto do Brexit), e a taxa de paro, para a que se calcula unha baixada interanual de case dous puntos, que situaría a Galicia no 15,6%, 2,2 puntos por debaixo da estimación para o conxunto de España.
Feijóo avanzou que lle pedirá ao Parlamento autonómico que tome como prioridade a tramitación dos Orzamentos de 2017. Con este calendario, concluíu, cúmprese o mandato das urnas: estabilidade, unha axenda económica que favoreza o crecemento e a creación de emprego e traballo para seguir trasladando os beneficios da recuperación ao conxunto da poboación.