Santiago, 22 de novembro de 2016.- O Grupo Popular avogou hoxe no Parlamento porque a Xunta de Galicia acorde coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) unha solicitude conxunta ao Goberno central para impulsar unha nova bonificación potestativa de ata o 90 por cento da cota íntegra do imposto de bens inmobles (IBI) a favor daqueles suxeitos pasivos que acrediten unha situación económica de insuficiencia de rendas familiares, modulables en función do valor catastral do inmoble.
O deputado popular Alberto Pazos manifestou que, “estando de acordo no fondo da proposición non de lei presentada por En Marea, consideramos que se debe levar adiante negociando previamente os termos da mesma coa Fegamp, que é a lexítima representante do municipalismo galego”. “Entendemos que así seríamos máis respectuosos coa autonomía local, se pretendemos dotar aos concellos dunha maior capacidade autoorganizativa, introducindo un novo elemento co que elaborar os seus orzamentos”, indicou.
CONTRASENTIDO PROCEDIMENTAL
Porén, Pazos criticou que a iniciativa de En Marea “pretenda levar a cabo unha modificación de carácter lexislativo, é dicir, unha proposición de lei, pero utilizando o recurso da proposición non de lei, o cal é un contrasentido procedimental”.
Ademais, apuntou que “presentan esta proposición na Cámara equivocada, pois o que pretenden é unha modificación dun texto legal de carácter estatal, polo que non pode ser modificado por este Parlamento”. “Parece razoable pensar que un grupo, como o de En Marea, que está representado nas Cortes Xerais adopte a decisión de que sexan os seus representantes en Madrid os que presenten a proposta”, apuntou.
“En calquera caso, unha vez desbotada a posibilidade de levar a cabo con carácter inmediato a modificación proposta, xa que non se optou nin polo instrumento parlamentar axeitado, nin por presentalo na Cámara competente, parece acaído que si o que imos realizar é unha declaración de carácter político institucional, non a fagamos de costas aos principais afectados pola mesma, que non son outros que os concellos galegos”, sinalou.
BENVIDA AO CLUB DA BAIXA PRESIÓN FISCAL
De todos xeitos, Alberto Pazos deu a benvida a En Marea “ao club dos que defendemos as bondades dunha baixa presión fiscal, xa que ata o de agora non é unha das máximas que aplican vostedes naqueles lugares onde ostentan responsabilidades de goberno”. “De todos é coñecido que os gobernos municipais de Santiago, A Coruña ou Ferrol non se teñen caracterizado por unha diminución dos impostos municipais, senón máis ben ao contrario, porque as subas de tipos impositivos están a converterse nun dos sinais de identidade dos gobernos das Mareas”, afirmou.