Santiago, 3 de decembro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou hoxe que os orzamentos da Xunta para 2017 permitirán “avanzar no crecemento sobre bases sans e sólidas, o que se traduce nunha maior capacidade de gasto, mellores dispoñibilidades económicas dos cidadáns a través das rebaixas impositivas e un incremento da política social”.
Ao remate da Xunta de Portavoces, Pedro Puy informou que se avanzou o programa de tramitación parlamentaria dos orzamentos, xa que manifestou que “cómpre utilizar o tempo dispoñible para ter orzamentos canto antes e impulsar o efecto expansivo na economía galega para consolidar o crecemento nos vindeiros anos”.
MELLORÍA CLARA DA ECONOMÍA
Neste sentido, apuntou que “as cifras principais do teito de gasto aprobado e dos orzamentos reflicten unha melloría clara da situación económica” e salientou que “a Xunta ten gañado nos últimos anos unha capacidade de gasto de 700 millóns de euros”.
Puy explicou que o crecemento económico permite “consolidar o gasto social”. Así, indicou que, “aínda que superamos a recesión, a crise deixou uns niveis de desigualdade e de necesidade por parte de moitos cidadáns de apoio público para facer a súa vida ordinaria ou volver ao mercado laboral con garantías”.
“Se pode consolidar o crecemento con máis gasto público, cun crecemento dos investimentos e co mantemento dunha política fiscal que da ás familias máis capacidade de consumo, especialmente ás que teñen menor renda, e as capitaliza na medida en que as que teñen un patrimonio mediano ou pequeno non tributan no imposto de sucesións”, dixo.
CONFIRMANDO AS HIPÓTESES
O portavoz popular indicou que “se están confirmando as hipóteses coas que fixemos políticas económica no pasado e desmentindo os pésimos augurios da oposición, ao tempo que as cousas, sen ser ideais, comezan a mellorar e esa mellora comeza a poder trasladarse as persoas que máis o precisan”.
Pedro Puy informou, ademais, que o Grupo Popular rexistrou xa a petición de comparecencias sobre os orzamentos na Comisión 3ª, que darán inicio o vindeiro mércores e rematarán o 21 de decembro. En concreto, solicítase a presenza dos dez conselleiros e do secretario xeral da Presidencia, así como dos presidentes dos cinco entes estatutarios principais, dos presidentes da catro deputacións e dos directivos responsables de catro entes institucionais: a Axencia Galega de Turismo, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, da Axencia Galega de Emerxencias e do Instituto Galego de Seguridade Laboral.