Santiago, 13 de decembro de 2016.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández Gil, salientou hoxe, no debate no Parlamento dunha proposición non de lei sobre os libros de texto, que o Partido Popular “está máis por axudar a quen máis o necesita e non polo modelo de café para todos que defenden os grupos da oposición”.
César Fernández subliñou que o actual sistema de axudas para os libros de texto en Galicia baséase “na equidade, pero tamén na solidariedade e na redistribución social”. “Tanto o acceso ao fondo solidario de libros de texto como aos cheques-axuda están totalmente vinculados aos niveis de renda de cada familia, co que garantimos que as familias con menos recursos teñan a gratuidade total nos libros”.
RECOÑECEMENTO POR ORGANISMOS
Así mesmo, salientou que o sistema de libros de texto implantado na actualidade en Galicia “funciona e funciona ben, tal e como o están a recoñecer diferentes organismos”. En concreto, subliñou que o Informe PISA sitúa ao sistema galego como o máis igualitario e equitativo da OCDE, ao tempo que a Defensora del Pueblo tamén o pon como exemplo para outras comunidades autónomas.