Santiago, 25 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou este domingo a mensaxe de Nadal da Súa Maxestade o Rei Felipe VI como “un discurso apegado á realidade social, política e económica do país”. “Compartimos enteiramente a diagnose do Xefe do Estado en canto á necesidade de consolidar a recuperación económica mediante a creación de máis emprego de mellor calidade”, subliñou, para destacar o “marcado carácter europeísta, e a súa reivindicación de valores como a tolerancia, o respecto e a importancia da familia na nosa sociedade”.
Neste sentido, o PPdeG tamén entende como básica a adaptación ao futuro que se manifesta en entender os cambios tecnolóxicos, os procesos de globalización e aproveitar as oportunidades que nos ofrecen, sen deixar de lado a nosa propia identidade. Tellado subliñou que “a Galicia e a España que queremos para as xeracións vindeiras seméllase moito aos desexos da súa Maxestade: cremos firmemente nun país solidario, xusto, con valores, optimista con respecto ao futuro e que basee o seu desenvolvemento na educación”.
ESTABILIDADE INSTITUCIONAL
Logo dun 2016 no que durante demasiados meses padecemos unha forte inestabilidade, o secretario xeral tamén agradeceu que o Rei tivese unhas palabras para a nova situación política e fixese un chamamento a todas as forzas para o entendemento nas cuestións máis relevantes. “Hoxe en día todos debemos amosar vontade de impulsar grandes consensos e darlle estabilidade ás institucións. Esa é unha responsabilidade tanto das formacións que se atopan nos gobernos coma na oposición, nas administracións de todos os niveis”, recalcou Tellado, e lembrou que “Galicia é a única nacionalidade histórica cunha visión sensata do noso modelo de Estado autonómico”.
Sobre este mesmo punto, desde o PPdeG valórase moi positivamente a mensaxe do Rei na súa defensa das leis que garanten a nosa democracia e a nosa liberdade. “Actualmente desde algúns territorios e partidos políticos cuestiónase todo un sistema que lle deu a este país a súa mellor época de progreso económico e social, e a Súa Maxestade turroulle das orellas a quen soña cun país desunido e debilitado. Por iso nos sentimos cómodos con referentes como a Casa Real, fronte aos que buscan inspiración en persoas que pouco poden aportar á unidade e a concordia”, concluíu o secretario xeral.