Santiago, 27 de decembro de 2016.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero cualificou hoxe no Parlamento a desigualdade salarial existente entre mulleres e homes como “unha das discriminacións máis inxustas que sufrimos as mulleres”. Deste xeito, o Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno instar á Xunta a convocar, por mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, a patronal e sindicatos para promover que na negociación colectiva de ámbito galego se considere como obxectivo a acadar en 2020 a igualdade salarial efectiva entre homes e mulleres, así como que o Goberno central promova unha Lei de igualdade retributiva entre homes e mulleres.
Cristina Romero afirmou que “a aposta deste Goberno para atallar esta discriminación que estamos a sufrir é firme” e lamentou “que se utilice a discriminación como escusa para formular outras cuestións xenéricas nas que o Goberno galego xa está a traballar”.
CALIDADE DE EMPREGO IGUALITARIO
“Estamos todos de acordo en que a máxima preocupación do Goberno sexa seguir impulsando a calidade do emprego dun xeito igualitario”, indicou a deputada popular. Neste sentido, apuntou que a Xunta aposta polo emprego feminino e a igualdade de xénero mantendo a discriminación positiva nas políticas activas de emprego, potenciando os plans de igualdade nas empresas, traballando coa Inspección de Traballo con actuacións dirixidas á persecución da discriminación das mulleres e instando ao Consello Galego de Relacións Laborais a un acordo marco interprofesional de ámbito autonómico sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
Ademais, engadiu que “se continúa traballando no fomento do emprendemento feminino a través do Programa EMEGA, unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral que apoia e favorece o éxito da iniciativa emprendedora das mulleres”.
CONTINUAR AVANZANDO
“Galicia continuará avanzando cara a unha igualdade efectiva entre homes e mulleres grazas a unha planificación axeitada, que para o próximo ano contará cun novo Plan de Emprego Feminino para que ás mulleres ocupemos o lugar que nos corresponde no mercado laboral, academos participación en todos os sectores e en todas as categorías profesionais e para eliminar, por os todos os medios posibles, esta brecha salarial que tanto nos prexudica”, sinalou.
Cristina Romero manifestou que o discurso da oposición “non é crible porque nas comunidades autónomas gobernadas por socialistas, nacionalistas e a nova política de Podemos teñen unha brecha salarial cinco punto por enriba de Galicia, como está a ocorrer en Andalucía, Cataluña ou Aragón”. “Todos estamos a favor de acabar con esta diferenza que tanto nos prexudica como sociedade”, asegurou.