Santiago, 30 de decembro de 2016.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu este venres unha rolda de prensa na que sinalou o 2017 como “punto de partida” para que os populares comecen a construír unha alternativa naqueles concellos afectado pola “parálise causada por gobernos inoperantes”. Así, valorou o 2016 como o ano no que quedou demostrado que “existen dous modelos de xestión posible: o das Mareas de Podemos, con socialistas e nacionalistas facéndolles seguidismo; e o do Partido Popular”.
“As Mareas chegaron ao poder prometendo solucións moi sinxelas a problemas moi complexos” apuntou Tellado, e reprochoulles que se presentaran como “adalides da política social, do diálogo e a transparencia” para acabaren sendo “apóstolos do bloqueo, o caos e o sectarismo”. “Sen orzamentos, sen proxecto de cidade e sen perspectivas de mellora nos próximos meses, os membros dos seus gobernos son coma os músicos da orquestra do Titanic, que mentres os seus barcos se funden seguen tocando a súa melodía”, subliñou.
Enfilando xa o ecuador do seu mandato, a conclusión á que chega o secretario xeral é que aos populistas “lles sobra retórica e relato, pero fáltanlles ganas de traballar e capacidade para resolver os problemas dos cidadáns”. No mesmo sentido, cualificounos de “máquina de xerar frustración”, e logo destes meses “só cumpriron as expectativas dos que vaticinabamos que serían unha catástrofe para Galicia”.
Cos datos na man, Tellado lembrou que tan pronto o coñeceron o populismo, os galegos “aproveitaron cada oportunidade que tiveron para castigalo”. Así, apuntou que desde as eleccións xerais do pasado decembro ata as autonómicas de setembro perderon 140.000 votos, un dato que “fala por si mesmo”.
MODELO DE RESPONSABILIDADE E RIGOR
Fronte ao modelo do “bloqueo e o caos”, o secretario xeral cre que os galegos souberon valorar o modelo de “responsabilidade e rigor” liderado por Alberto Núñez Feijóo durante dúas lexislaturas, e por iso lle deron a oportunidade dunha terceira con máis votos ca en 2012.
Así, lembrou que milleiros de persoas se sumaron a “un proxecto moderado, preocupado polo desenvolvemento e o benestar dos cidadáns”, e lembrou que a nosa Comunidade hoxe ten unha economía que crece por riba do 3% e por riba da media española, reduce o paro a un ritmo de 20.000 desempregados menos cada ano, e destina cada vez máis recursos aos servizo públicos. “En definitiva, sumáronse a unha Galicia que non para, pero que tampouco deixa a ninguén atrás”, resumiu.
Con todo, Tellado animou a “non mirar nin un segundo atrás” e ver 2016 como “un recordo e unha inxección de folgos para 2017”. Ademais, concluíu a súa intervención pedíndolle ao PSdeG que no ano que vén “abandone a ruta que lle marca o populismo e volva ao camiño da seriedade que transitou durante anos” para cumprir o papel de oposición responsable. “Se queren reconducirse e non ser un mero apéndice de Podemos, seguro que os galegos llelo agradecen”, pechou.