Santiago, 20 de abril de 2020.- O deputado do Grupo Popular Gonzalo Trenor lamentou hoxe que os grupos da oposición “estean máis preocupados por defender ao Goberno de Pedro Sánchez que os intereses de todos os galegos”. “A Xunta non rexeita o novo programa de axudas para pagar o alugueiro da vivenda habitual, pero si reclama un orzamento desde o Goberno central acorde, axustado e suficiente para poder chegar aos colectivos que se fixan como potenciais beneficiarios”, manifestou.
Gonzalo Trenor concretou que, facendo un cálculo absolutamente conservador, a cifra de familias galegas que poderían cumprir os requisitos para acceder a esta nova liña de axudas disposta polo Goberno central estaría entre 50.000 e 75.000, polo que serían necesarios entre 120 e 180 millóns de euros, falando dunha media de 400 euros ao mes para cada familia
Neste sentido, criticou “a terxiversación” que os grupos da oposición están a facer da carta que a conselleira de Vivenda remitiu a pasada semana ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na que “en ningún caso se rexeita o novo programa de axudas ao alugueiro, nin se cita para nada o problema dos desafiuzamentos de inquilinos por impago durante a crise do coronavirus”.
MEDIDAS ACOMPAÑADAS DE FONDOS
“Simplemente se pon de manifesto que estas medidas se deben impulsar acompañadas dos fondos necesarios por parte do Goberno central, xa que, de non ser así, podería ter consecuencias sobre o mercado do alugueiro debido á inseguridade xurídica que se crea tanto para os propietarios como para os propios inquilinos”, concretou.
Así mesmo, Trenor lembrou que o Goberno galego “leva varios días denunciando a decisión do Goberno de Pedro Sánchez de modificar sen consultar coas comunidades autónomas o Plan Estatal de Vivenda, un cambio que permitirá ao Goberno central utilizar e desviar fondos xa asignados e comprometidos pola Xunta a financiar unha nova orde de axudas ao alugueiro da vivenda habitual dirixida a minimizar o impacto da crise do COVID-19 en colectivos vulnerables, os mesmos que, precisamente, se benefician dos programas do Plan de Vivenda vixente”.
“É lamentable que deste xeito se pretenda confiscar os orzamentos que as comunidades autónomas tiñan comprometidos en materia de vivenda para sufragar decisións unilaterais do Goberno central, quen unicamente habilita unha partida extraordinaria de 100 millóns de euros para todas as autonomías, dos que a Galicia so corresponderían 5,7 millóns de euros”, explicou.