Santiago, 22 de abril de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou hoxe de “razoable” a decisión adoptada pola Xunta de Galicia de aprazar ata o vindeiro ano 2021 as oposicións docentes, “unha vez esperou ata o límite do prazo para a súa celebración”.
Na comparecencia da conselleira de Educación na Deputación Permanente, Puy avogou porque “debemos dar todos o mellor posible para que este ano non se perda a nivel educativo e formativo, de xeito que esta xeración non quede marcada no futuro”. Neste sentido, defendeu “a importancia dun criterio homoxéneo para valorar aos alumnos no conxunto de España”.
INTRODUCIÓN DAS NOVAS TECNOLOXÍAS
Pedro Puy salientou o avance rexistrado en Galicia na introdución das novas tecnoloxías no eido educativo, citando expresamente programas como Edudixital, Edixgal ou Abalar. “O ideal sería que todo o mundo tivese acceso en equidade ás tecnoloxías, para o que o esforzo da Xunta de Galicia está a ser superior ao doutras administracións”, apuntou.
“O Goberno galego está dando unha resposta responsable e non improvisada á crise, introducindo certezas e expectativas razoables”, manifestou.
Por último, subliñou que a actitude da Xunta respecto ao Goberno central “é un exemplo evidente de lealdade institucional, mandando unha serie de comentarios para incorporalos á orde estatal” en materia de educación. “Pola súa banda, o Estado debe exercer o que marca a Constitución, determinando as condicións de igualdade dos que participan no sistema educativo español”, dixo.