Santiago, 29 de abril de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe na Deputación Permanente do Parlamento galego que “o punto de partida co que Galicia afrontou a crise do COVID 19, cunhas contas saneadas, cumprindo o déficit público e con capacidade de investimento e endebedamento, facilitou unha mellor e máis rápida reacción con medidas axustadas”.
Así mesmo, dixo que “temos que aproveitar con intelixencia esta situación excepcional como unha oportunidade para o futuro, con investimentos que promovan cambios para mellor, a través das novas tecnoloxías, o coidado do medio ambiente e no funcionamento do sector público”.
Na comparecencia do conselleiro de Facenda perante a Deputación Permanente, Pedro Puy sinalou que o Goberno galego “está traballando nunha crise que ten unhas características distintas, xa que se está a producir unha contracción ao mesmo tempo da oferta e da demanda”.
EFECTOS FISCAIS
“A crise ten efectos fiscais: o gasto sanitario se dispara; se facilitan medidas para mitigar as perdas de renda dos fogares galegos; se poñen en marcha actuacións dirixidas a dotar de liquidez ás empresas, a través de avais dos créditos bancarios ou con aprazamentos das obrigas tributarias; ou con axudas para o mantemento do emprego”, manifestou.
O portavoz popular indicou que “vivimos nun contexto de incerteza, tanto sobre a duración da pandemia, como do alcance das medidas sanitarias adoptadas e pola ausencia de antecedentes”. A nivel económico, lembrou as previsións do Banco de España sobre a baixa do produto interior bruto entre o 6 e o 13 por cento, un descenso que tamén está a ser avanzado por organismos como Funcas, o Fondo Monetario Internacional ou o BBVA. No caso da Comunidade galega, o Foro Económico de Galicia prevé unha baixada de entre o 5,6 e o 7,4 por cento do PIB, en función das semanas de dure o confinamento.
Na súa intervención, Puy salientou “a política económica desenvolvida pola Xunta de Galicia para minimizar custos económicos e sociais ás empresas e autónomos galegos”. Para iso, lembrou que puxo en marcha préstamos e avais para dar liquidez vía axilización de pagos ás empresas; o aprazamento das cotas de amortización dos préstamos formalizados coa Xunta; a mellora do financiamento das pequenas e medianas empresas; a suspensión dos prazos das autoliquidacións dos impostos de patrimonio, xogo ou sucesións; a flexibilización do pago das taxas portuarias; ou as axudas para a reestruturación de fábricas para adaptalas á realización de produtos para combater o coronavirus.