Santiago, 9 de maio de 2020.- A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, lamentou hoxe a “falta de memoria” do secretario xeral dos socialistas galegos e lembrou que a conselleira de Política Social xa compareceu a petición propia na Deputación Permanente do Parlamento galego o pasado 3 de abril para dar conta das medidas adoptadas polo Goberno galego nas residencias de maiores e persoas con discapacidade para facer fronte á pandemia do COVID-19.
“Ademais, esta mesma conselleira será unha das grandes protagonistas da Deputación Permanente do vindeiro mércores, xa que responderá a catro das nove preguntas que se farán ao Goberno galego, tres delas a iniciativa dos grupos da oposición”, explicou.
Marta Rodríguez recordou que Fabiola García foi a primeira conselleira en comparecer do Goberno galego, logo de que o fixeran o Presidente e o Vicepresidente da Xunta, todos a petición propia. “Foi unha demostración do compromiso do Goberno galego por manter informados aos grupos parlamentarios, en especial polas medidas exemplares adoptadas en Galicia nun ámbito como as residencias de maiores e persoas con discapacidade”.
“Pero é que, ademais, o Presidente da Xunta dedicou unha parte destacada da súa comparecencia da semana pasada na Deputación Permanente a explicar as actuacións realizadas nas residencias de maiores e os resultados conseguidos, situando a Galicia como unha das comunidades con menor número de falecidos entre os doentes infectados”, manifestou.