O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso inequívoco do Goberno galego, ao longo dos últimos anos, coa cidade de Santiago; poñendo en valor a mellora dos servizos públicos, o impulso pola innovación e o coidado do patrimonio.
“Temos experiencia para xestionar momentos de dificultade como os que imos a vivir. E, por iso, vos pido que traballemos xuntos por Santiago de Compostela”, sinalou Feijóo, quen garantiu que o seu compromiso é “seguir servindo” a esta cidade.
Santiago de Compostela#GaliciaGaliciaGalicia pic.twitter.com/o0uMPlmG6K
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) June 24, 2020
O presidente dos populares galegos detalla, a través dun vídeo -publicado na súa conta de Twitter- as principais actuacións da Xunta na capital galega. Trátase dunha acción conxunta co resto das grandes cidades, nas que se fai un repaso polos principais fitos e investimentos desde 2009. A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado, antes de que a pandemia do Covid-19 viñera a cambiar o escenario de prioridades.
MELLORA DA SANIDADE E DA EDUCACIÓN PÚBLICA
Así, puxo en valor a mellora dos servizos e das infraestruturas sanitarias e referiuse ao novo centro de saúde en Galeras e a ampliación do Hospital público, da que xa se está a deseñar o proxecto arquitectónico.
Sumado a isto, cómpre tamén salientar a futura ampliación do Centro de Saúde de Conxo, os investimentos en alta tecnoloxía como o Sistema de radiocirurxía no CHUS, os tres novos aceleradores lineais ou a remodelación das urxencias pediátricas.
“Fomos quen de facer máis escolas infantís e de mellorar os centros de ensino”, dixo o líder do PPdeG. Desde 2009, Santiago conta co novo CEIP Ramón Cabanillas e ampliáronse o CEIP Monte dos Postes, o CEIP de Roxos e o CEIP Lamas de Abade, sen esquecer a reforma do CIP Cardenal Quiroga e as rehabilitacións do IES Rosalía de Castro, do CIFP Politécnico e do CEIP Raíña Fabiola.
Así mesmo, fixo fincapé no desenvolvemento do Campus Vida -un dos dous de excelencia internacional de Galicia- e o novo edificio Fontán na Cidade da Cultura, como sede do Consorcio Interuniversitario do SUG. No eido da conciliación, hai que destacar os investimentos nas escolas infantís de Tras Parlamento, do Polígono do Tambre, do Castiñeiriño ou da remodelación de Santa Susana.
MÁIS PRESTACIÓNS PARA OS MAIORES
Por outra banda, desde 2009, rexistrouse un aumento no número de prazas para maiores e de discapacidade, así como tamén o número de horas do Servizo de Axuda no Fogar. Ademais, púxose en marcha o Centro Galego de Desenvolvemento Integral para Persoas con Discapacidade (Cegadi), o centro de día e vivenda de respiro de ACEM e estase a traballar na nova residencia no Restollal.
Logo de recalcar que Santiago conta cun novo edificio xudicial desde 2013, referiuse á posta en funcionamento do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero.
SANTIAGO, UNHA CIDADE MÁIS INNOVADORA
Do mesmo xeito, hai tamén máis opcións para facer de Santiago unha cidade máis innovadora, como o Parque empresarial da Sionlla: “Baixamos o prezo do metro cadrado do Polígono da Sionlla e, agora, temos unha reserva de 100.000 metros para que se instalen empresas innovadoras”.
Precisamente, o Polígono da Sionlla é protagonista na estratexia de converter a Santiago nun referente no campo da biotecnoloxía e, como exemplos, está o Polo Biotecnolóxico de Galicia, a Unidade Mixta de Investigación formada por ROCHE e o CHUS no eido da oncoloxía.
MELLORES ACCESOS E UN PATRIMONIO COIDADO
Melloráronse, tamén, os accesos peonís -grazas ao desenvolvemento do Plan de Sendas- e fíxose un importante investimento en infraestruturas viarias – coa conexión da Cidade da Cultura coa AP-9 e a Variante de Aradas-. Deste modo, considerou clave a estación intermodal, para que “o tren de alta velocidade traia millóns de persoas a Santiago”.
Por outra banda, destacou a vontade de facer un gran Xacobeo en 2021 coa Catedral renovada e coas entradas dos Camiños mellor conservados e máis integrados na cidade. Así, sinalou o investimento de 17 millóns de euros na Catedral: “Suporá ter unha catedral rehabilitada por primeira vez na historia”.