Santiago, 3 de setembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe no Debate de Investidura que se celebra no Parlamento galego que “estamos dispostos, pese a que temos unha ampla maioría, a procurar acordos para sacar ao país da peor crise da nosa historia contemporánea”, aínda que puntualizou que estes pactos “non son de adhesión aos proxectos da minoría, senón que terán que xirar en torno ao programa que apoiou a gran maioría do pobo galego”.
Puy sinalou que “vivimos uns momentos excepcionais nos que a responsabilidade é importante e esencial”. Logo de lembrar aos máis de 650 falecidos a causa da Covid-19 e aos cerca de 4.000 que na actualidade padecen o coronavirus en Galicia, sinalou aos grupos da oposición que “non se trata de reproducir discursos dunha campaña electoral que xa pasou, senón de dar respostas e avanzar na resolución de problemas, porque a cidadanía vainos avaliar por ser capaces de afrontar a grave crise que estamos a sufrir”.
Lembrou que a situación de Galicia a finais do pasado 2019 “era razoablemente boa”, encadeando cinco anos de crecemento, reducindo a taxa de paro, cunhas finanzas saneadas e cuns servizos públicos mellorados. Porén, indicou que a Comunidade galega afrontaba problemas a curto prazo, como un prezo eléctrico competitivo para as empresas electrointensivas, a reforma do regulamento da Lei de Costas, o peche das centrais térmicas; así como problemas estruturais a medio e longo prazo, como o reto demográfico ou o cambio climático.
VULNERABILIDADE ANTE A PANDEMIA
“Afrontabamos estes problemas con optimismo en mellor posición que moitas comunidades autónomas pero apareceu o virus e sobreveunos a pandemia, que nos golpeou a todos e fixo darnos conta da nosa vulnerabilidade”, indicou.
Pedro Puy lamentou que “os efectos foron particularmente devastadores en España, situándonos como o país coas peores taxas de Europa de incidencia do coronavirus”; aínda que subliñou que “os datos de Galicia non son tan malos dentro do contexto español”. “As taxas de incidencia da Covid-19 foron menores e a mellor desescalada deixou en Galicia uns mellores datos económicos, gracias á nosa estrutura económica e á recuperación industrial”, dixo.
“Toca aprender as leccións para que cando xestionemos a pandemia poidamos superar a crise sanitaria e social”, manifestou. En concreto, explicou que esta situación demostrou “que a vulnerabilidade é compartida; a importancia das institucións para reducir a incerteza; a importancia dos expertos, que contribuíron a evitar unha catástrofe peor; a eficiencia do sistema democrático e a orde constitucional; e a importancia do común, sexa público ou privado”.
PROGRAMA FONDAMENTE ACAÍDO
Neste sentido, Puy asegurou que o programa presentado por Alberto Núñez Feijóo “é fondamente acaído para afrontar a situación que afrontamos, non esquecendo que xunto co presente hai cousas importantes que hai que resolver”. Así mesmo, apuntou que “recolle a necesidade da cogobernanza, para dar resposta á vulnerabilidade; defende os intereses de Galicia; e demanda melloras institucionais desde a lealdade entre administracións”.
Pedro Puy destacou que o programa é “fondamente democrático”, xa que, “aínda que o resultado electoral foi claro, ofreceu pactos para traballar desde un punto de vista estratéxico”. “Galicia apoia a quen pensa en Galicia, traballa por Galicia e respecta as institucións de Galicia”, anotou.
“O candidato amosou a súa predisposición ao pacto con outras administracións, entidades sociais e no parlamento”, polo que dixo que a oposición «debe elixir entre exercer a política democrática e responsable que o momento esixe ou persisten nalgúns dos hábitos que proliferaron na última lexislatura”.