Tellado insta a nacionalistas e socialistas a que antepoñan os intereses xerais de Galicia aos do seu propio partido.
11, setembro, 2020. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, dixo que o Goberno galego está preparado e adaptado para facer fronte aos desafíos da Galicia do presente e do futuro, e asumir os retos derivados da pandemia. Xa que, tal e como indicou, é un Executivo con experiencia de xestión contrastada, ben dimensionado e adaptado á nova realidade, e enfocado á mellora dos servizos públicos e á loita contra a pandemia sanitaria e económica.
Así, amosou a súa satisfacción co equipo presentado por Feijóo, tanto na relación de conselleiros e conselleiras, como na designación de altos cargos.
A PARTICIPACIÓN DE TODOS NA SUPERACIÓN DA CRISE
O número dous dos populares galegos avogou pola participación de todos para que Galicia se sobrepoña á complicada situación actual e apelou á unidade, ao acordo e á cooperación de todos os grupos políticos para ser, unha vez máis, exemplo de superación nos momentos difíciles.
Neste senso, fixo referencia á “maioría incontestable” do Partido Popular de Galicia no Parlamento autonómico, onde conta cun apoio da sociedade galega, refrendado e reforzado en xullo nas urnas, e cunha lexitimidade total para seguir co proxecto que lidera Feijóo durante os vindeiros catro anos. “Pero sería unha gran noticia que as medidas para saírmos dunha nova crise sexan, tamén, froito do entendemento cos demais grupos políticos”, apuntou Tellado.
Así, incidiu en que a man do PPdeG está tendida tanto ao BNG como aos socialistas galegos para acadar os consensos necesarios. E é que, segundo sinalou, non só sería unha boa noticia para a nosa Comunidade, senón que mandaría tamén unha mensaxe positiva a política nacional, tan necesitada de acordos e de entendemento.
Así, instou ao PSdeG a antepoñer os intereses da nosa Comunidade aos do seu propio partido: “Cando teñan que elixir entre Pedro Sánchez e Galicia, elixan Galicia”. E pediulle ao BNG que renuncie a posturas extremistas e rupturistas, xa que “ten un compromiso, non só cos nacionalistas, senón con todos os galegos”. “Que antepoñamos todos -continuou- os intereses xerais de Galicia por riba dos intereses de cada unha das forzas políticas que compoñen o novo Parlamento”.
A FRAQUEZA DO GOBERNO SÁNCHEZ
Por outra banda, Tellado referiuse ao Decreto do Goberno central para incautar os aforros dos concellos que, ante a ausencia de consenso, non saíu adiante.
Para o secretario xeral do PPdeG, esta “histórica derrota” do Executivo de Pedro Sánchez demostrou, por unha banda, a súa nula capacidade de negociación -non conseguiu convencer a ningún dos demais grupos do Congreso e estivo a piques de non acadar tampouco o apoio de todo o Grupo de Unidas Podemos-; e, por outra banda, “a soberbia” que preside todas e cada unha das decisións deste Goberno.
“Sánchez e os seus ministros cren que todos os grupos deben calar e obedecer as súas ordes, pese á fraqueza da súa posición parlamentaria”, indicou Tellado. “Unha vez máis -engadiu-, pasou do no es no ao si, porque si, que é o que practica e o que ten levado ao bloqueo de España durante anos”.
Neste punto, aproveitou, unha vez máis para comparar a actitude do Executivo central coa da Xunta de Galicia neste arranque de curso político. Fronte ao Goberno de Pedro Sánchez que, con problemas de descoordinación entre ministros e os partidos da coalición, goberna en minoría desde a soberbia e incapacidade de negociar; está o Goberno de Feijóo, que conta cunha maioría suficientemente ampla e reforzada polos galegos e que lle tende a man á oposición para trazar xuntos a folla de ruta da recuperación económica.
A DERROTA DE ABEL CABALLERO
Para Tellado, ademais do Goberno central, outro dos derrotados no día de onte foi o alcalde de Vigo, como presidente da FEMP. Na confiscación do superávit dos concellos, Abel Caballero conseguiu, ademais de rachar o consenso co que sempre se tomaron as decisións neste ente e que todos os partidos representados se revolvesen en contra del, ser o maior opositor ao discurso que mantivo durante anos.
Así, o alcalde de Vigo pasou, en apenas dous meses, de defender que os concellos debían xestionar libremente o seu superávit, porque eles mellor ca ninguén sabían en que investilo; a defender que estes aforros debían pasar a mans do Goberno Central.
Por iso, considerou que Abel Caballero “lle debe unha desculpa aos alcaldes de toda Galicia, aos que tentou enganar, e a todo o municipalismo, a quen traicionou antepoñendo a súa militancia ás súas obrigas como responsable da FEMP”; e, tamén, aos vigueses, por traicionar o seu mandato de servir á cidade. “Por iso, debería reconsiderar se é a persoa adecuada para estar á fronte da FEMP”, engadiu Tellado.