Santiago, 22 de setembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción realizada entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se solicita que a Xunta aprobe unha liña de medidas encamiñadas a garantir o dereito de conciliación perante novos gromos e repuntas da COVID-19, que inclúa, como mínimo, axudas directas extraordinarias para o coidado de menores e persoas dependentes. Así mesmo, demándase ao Goberno de España que aprobe un permiso retribuído a nivel estatal para as nais e pais cuxas crianzas estean en corentena.
O deputado popular Alberto Pazos subliñou que tanto ao PPdeG como ao Goberno de Feijóo “as medidas de protección ás familias galegas nunca nos parecerán suficientes, porque o noso compromiso co benestar desas familias é incuestionable”.
MENSAXE DE TRANQUILIDADE
Neste sentido, lembrou que o número de prazas públicas en escolas infantís duplicouse nos últimos anos, que 65.000 familias se beneficiaron da Tarxeta Benvida, que 21.500 familias se acolleron ao Bono Concilia, que Galicia é a única comunidade autónoma que oferta praza gratuíta para o segundo fillo e seguintes nas escolas infantís ou que o Goberno galego dispuxo dun Bono Concilia Extraordinario durante o peche das garderías e os centros de día.
O deputado popular demandou que o Goberno de Pedro Sánchez “cumpra os seus compromisos coas necesidades de conciliación das familias”, porque incidiu que “o Goberno central debe pasar dos golpes de efecto ás políticas efectivas”.
“Pero, ademais, queremos mandar unha mensaxe de tranquilidade ás familias galegas e asegurarlles que, se o Goberno de España non cumpre, a Xunta estará do seu lado para apoialas”, asegurou. En concreto, manifestou a disposición do Goberno galego de “habilitar axudas ás familias galegas para que non teñan que escoller entre manter o traballo ou coidar dos seus fillos nun momento difícil como o que estamos a vivir”.
?O Goberno debe pasar dos golpes de efectos ás políticas efectivas,anuncian medidas que non chegan nin chega o trato igualitario ás CCAA,@pazos_alberto defende emenda para tranquilizar ás familias e se o Goberno non cumpre a Xunta sí cumprirá nas medidas de conciliación pic.twitter.com/NrYymlntXG
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 22, 2020
MEDIDAS QUE NON CHEGAN
Porén, Pazos lamentou que o Goberno central “estea a anunciar medidas que non chegan ou asegure un trato igualitario para todas as comunidades autónomas, cando Galicia ten pendente de recibir máis de 500 millóns de euros do IVE, os incentivos polo cumprimento dos obxectivos económicos, as políticas de emprego ou o fondo Covid-19”. “Tampouco sabemos nada do teito de gasto, dos anticipos a conta, do déficit autorizado ou das bases orzamentarias para que a Xunta elabore os orzamentos de 2021 e poida incorporar medidas de apoio ás nosas familias”, sinalou.
Respecto da proposta do BNG de crear un servizo público de canguros, o deputado popular considerou que “non é razoable, porque é necesario apostar por medidas efectivas e non efectistas”. “Os pais queren coidar e atender aos seus fillos, e para iso xa existe un compromiso do Goberno central para aprobar permisos retribuídos ou baixas para pais con fillos en corentena”, dixo.