Santiago, 22 de setembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Ovidio Rodeiro demandou hoxe no Pleno do Parlamento a rebaixa do IVE das mascarillas ao 4 por cento. Así mesmo, afirmou que o protocolo Covid-19 aprobado pola Xunta para os centros educativos “xa contempla a subministración de material de protección para que os colexios conten co necesario para o seu funcionamento ordinario”.
Ovidio Rodeiro lembrou que “o uso obrigatorio de máscaras por parte da poboación foi establecido con carácter obrigatorio polo Ministerio de Sanidade”. “Polo tanto, o uso da máscara responde a necesidades de protección individual derivadas dunha pandemia sanitaria e non ten nada que ver coas competencias da Xunta en materia educativa”, concretou.
?»Está ben pedir unha cousa onde non goberno e pedir o contrario onde goberno» @OvidioRodeiro recorda ao BNG no Pleno o seu apoio a un Goberno que non rebaixa o IVE das máscaras ao 4% ou cambia de criterio no financiamento autonómico no que Galicia perde 36,3M€ @ppdegalicia pic.twitter.com/6nOJDESLOB
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) September 22, 2020
SUBMINISTRACIÓN DE MATERIAL
Así mesmo, o deputado popular engadiu que “Galicia xa contaba desde o mes de xullo co protocolo Covid-19 para a actividade educativa, que tivo que ser parcialmente modificado despois das instrucións ditadas o 27 de agosto logo da xuntanza celebrada polo Goberno central coas comunidades autónomas”. “Galicia foi a primeira comunidade en adaptar estas recomendacións do Estado o 31 de agosto, documento que foi posteriormente trasladado de novo aos centros educativos”, sinalou.
Este protocolo Covid-19 para o ensino fai referencia á subministración de material de protección para que os colexios conten con todos os materiais necesarios para o funcionamento ordinario do centro. Deste xeito, a consellería e os centros educativos asumen todos os custes necesarios do xel hidroalcohólico e os seus dispensadores, panos desbotables, materiais de limpeza e desinfección, mamparas para uso no comedor, papeleiras de pedal, impresión de cartelería e, cando resulten insuficientes, tamén máscaras de protección.
“Ata o momento, a Consellería xa fixo entrega de 400.000 máscaras para uso do persoal docente e non docente dos centros escolares de Galicia, enviando a maiores unha partida de máscaras infantís para os alumnos que as precisen de xeito puntual”, dixo.