Santiago, 30 de setembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos criticou hoxe no Parlamento que os socialistas galegos intentaran hoxe na Comisión 5ª “rachar o consenso acadado no último Pleno respecto da solicitude de medidas para facilitar a conciliación das nais e pais durante a pandemia sanitaria, co único obxectivo de defender aos seus compañeiros no Goberno de Pedro Sánchez e libralos de cumprir os compromisos solicitados en materia laboral”. “Se o Goberno central non cumpre coas familias, a Xunta de Galicia estará ao seu carón”, asegurou.
Alberto Pazos lembrou que na sesión plenaria da pasada semana aprobouse por unanimidade unha proposición non de lei “que implicaba unha medida de apoio da Xunta, como as axudas directas extraordinarias para o coidado de menores e persoas dependentes; e unha medida laboral de carácter esencial ao Goberno de España, como é a aprobación dun permiso retribuído para as nais e pais cuxas crianzas estean en corentena”.
Neste sentido, o deputado popular salientou que “a Xunta xa adoptou algunha medida de conciliación, como o bono coidado extraordinario, a axuda de 500 euros mensuais para contratar servizos de atención na casa ou o bono terapia”.
SEGUIMOS NO CONSENSO
“Porén, non existe ningunha circunstancia novidosa que xustifique que hoxe o PSdeG pretenda rachar o consenso sobre medidas de conciliación relacionadas coa Covid-19 alcanzado hai unha semana”, sinalou o deputado popular, quen manifestou que “non podemos modificar acordos plenarios cada vez que lle tiren das orellas desde Ferraz aos seus compañeiros en Galicia”.
Pazos insistiu que “o Grupo Popular continúa no consenso que acadamos hai sete días e seguimos confiando que o Goberno de Pedro Sánchez cumprirá os seus compromisos coas necesidades de conciliación das familias”. Neste sentido, asegurou que “se o Goberno de España non cumpre coas familias, a Xunta de Galicia estará ao seu carón habilitando axudas para que non teñan que escoller entre manter o traballo ou coidar dos seus fillos nun momento difícil”.