Santiago, 2 de outubro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez Sarmiento lembrou hoxe no Parlamento galego que, tal e como se recolle expresamente na normativa laboral de seguridade para o marisqueo a pe fronte á Covid-19, “o uso de máscara é obrigatorio, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros”.
“A Consellería do Mar seguirá a adoptar as medidas de protección necesarias, xa que todas as actuacións levadas a cabo foron orientadas a protexer a vida dos profesionais dos mar, frear os contaxios e favorecer as posibilidades de manter a súa actividade”, sinalou.
Elena Suárez subliñou que “a esixencia do uso de máscaras no desenvolvemento da actividade do marisqueo está clara e é pública desde o pasado mes de xullo”, cando o Instituto de seguridade e saude laboral de Galicia (Issga) actualizou as recomendacións realizadas con anterioridade para adaptalas ás novas medidas establecidas polas autoridades sanitarias.
ESTREMAR AS PRECAUCIÓNS
“Podemos compartir a idea de que non é fácil o uso da máscara nas labores de marisqueo debido ás características da actividade, posto que non están deseñadas para o traballo en húmido e, ademais, o seu labor desenvólvese nun espazo ao aire libre onde se facilita o mantemento da distancia de seguridade para evitar a transmisión”, manifestou a deputada popular.
Porén, admitiu que “desde a administración competente é necesario seguir as instrucións técnicas que advirten da importancia de estremar a precaución para evitar o contaxio ou a difusión da Covid-19 entre o colectivo de mariscadoras, as súas familias e os seus contactos”.
Respecto ao subministro de material de protección adecuado ao medio mariño, Elena Suárez lembrou que a Consellería do Mar achegou arredor de 50.000 unidades ao persoal que opera habitualmente en lonxas e para atender as necesidades dos tripulantes, mariscadoras e bateeiros. “Este esforzo fíxose de forma voluntaria e subsidiaria das competencias doutras administracións, que si forneceron aos profesionais doutros sectores”, apuntou.