Santiago, 6 de outubro de 2020.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, insistiu hoxe no Pleno na solicitude á Valedora do Pobo para que elabore un Informe Extraordinario sobre a okupación ilegal en Galicia, que, coas súas conclusións, axude a poñer en marcha medidas para erradicar esta situación en Galicia coa implicación de todas as administracións: Xunta, concellos, deputacións e Delegación do Goberno.
Prado saudou que o Informe do Valedor do Pobo correspondente a 2019 destaca “a boa saúde da sanidade galega, que apenas pasa do seis por cento das reclamacións cando en 2018 a cifra superou o 40 por cento”.
Paula Prado comezou a súa intervención felicitando á Valedora do Pobo “polo seu traballo na loita pola igualdade de oportunidades”, así como polo seu recoñecemento como a defensoría máis transparente de España, “servindo de modelo para todas as institucións ás que fiscaliza”.
DATOS ALARMANTES EN GALICIA
Na súa intervención, a viceportavoz popular cualificou de “alarmantes” os datos rexistrados en Galicia sobre okupacións, xa que, segundo os datos do primeiros trimestre de 2020 facilitados polo Ministerio do Interior, foi a comunidade autónoma que sofre o maior incremento de ocupacións ilegais en toda España ao subir un 33,9 por cento o número de denuncias respecto a 2018.
“Estas okupacións non son froito dunha necesidade social senón que están sendo realizadas fundamentalmente por mafias ou bandas organizadas que converten a okupación nun negocio, xa que esixen diñeiro a cambio de desaloxar a vivenda ocupada ilegalmente, ou mesmo utilizan a persoas vulnerables para introducilas na vivenda previamente ocupada a cambio dunha cantidade de cartos considerable”, indicou.
Por este motivo, solicitou a elaboración por parte do Valedor do Pobo dun informe extraordinario sobre a okupación ilegal en Galicia, orientado desde o ámbito da protección ás persoas máis vulnerables e en risco de exclusión social, ao igual que abordamos outras cuestións sociais con consecuencias penais, como a violencia de xénero, o acoso laboral e sexual, ou a explotación sexual das mulleres”. “Debemos buscar solucións a estas situacións e buscar fórmulas de prevención ou atención ás persoas máis vulnerables”, incidiu.
▶️? @paulapra2 pide na comparecencia da @Valedordopobo no @Par_Gal un informe extraordinario sobre a okupación ilegal en Galicia que, coas súas conclusións, axude a poñer en marcha medidas para erradicar esta situación en Galicia pic.twitter.com/XrgUPZ5rTk
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) October 6, 2020
TRES CUESTIÓNS
Paula Prado concretou que este informe extraordinario abordaría tres cuestións principalmente. En primeiro lugar, elaborar un diagnóstico do mapa de recursos sociais destinados a atender as necesidades de vivenda de que dispón tanto a comunidade autónoma como os concellos nos que se producen maioritariamente as ocupacións ilegais: as grandes cidades.
En segundo lugar, o informe debería realizar unha análise sobre a realidade da okupación ilegal en Galicia; sobre as consecuencias dramáticas que ocasiona, tanto para os titulares lexítimos da vivenda que sofren un calvario para recuperar a súa propiedade, como para os veciños que residen nos barrios e nos edificios afectados e que ven gravemente quebrantada a convivencia, como para as persoas en risco de exclusión social e máis vulnerables; e cales son as canles das que dispoñen nos servizos sociais municipais para acceder ao parque de vivendas en aluguer do Concello si e que o hai ou da Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.
“E, por último, partindo da casuística e do calvario que teñen que sufrir os propietarios vítimas da usurpación e da okupación ilegal para recuperar a súa propiedade, e das comunidades de veciños que padecen esta situación, solicitamos que se desgrane a normativa vixente actual e se analice a súa suficiencia ou insuficiencia para abordar o problema, así como si hai marxe de mellora na aplicación das normas vixentes”, apuntou.
CUMPRIR OS TEMPOS MÁXIMOS DE ESPERA
Por outra banda, a viceportavoz popular destacou que o Informe do Valedor do Pobo correspondente a 2019 recoñece “a boa saúde da sanidade galega, que apenas pasa do 6 por cento de reclamacións, cando no ano anterior superou o 40 por cento”.
Porén, e referíndose ás listas de espera, sinalou que no documento se recoñece que “é moi complexo axustar a oferta e a demanda dos servizos sanitarios, debido fundamentalmente a que as patoloxías médicas revisten diferente gravidade, polo que non se pode ter en conta unicamente un criterio cronolóxico, xa que a priorización ten que ter en conta tamén o criterio da gravidade e da efectividade da actuación”. Neste sentido, engadiu que a Valedora confirma que “se está a cumprir o tempos de atención máximos garantidos, con atención prioritaria para as patoloxías máis graves”.