Santiago, 6 de outubro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo insistiu hoxe no Pleno do Parlamento na necesidade de realizar de inmediato todas as accións precisas para garantir a prestación sanitaria de atención primaria a través dun modelo mixto entre atención presencial e no presencial para dar resposta ás demandas de atención pola Covid-19 e polo resto das patoloxías, garantindo á poboación unha atención primaria digna, sen esperas e co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisas.
Rodríguez-Vispo asegurou que “a atención presencial en atención primaria estase a facer e non se deixou de facer en ningún momento, incluso cando a primeira onda da pandemia sanitaria afectou a Galicia”. Neste sentido, explicou que “o que se fixo foi introducir unha primeira consulta telefónica na que se realiza unha primeira valoración do paciente e, se o profesional o considera necesario, se lle da unha cita presencial, de forma programada co fin de evitar tanto o contaxio coma a propagación do virus”.
“A consulta telefónica, que leva funcionando en Galicia desde 2013, é un dos servizos mellor valorados polos pacientes, xa que é moi accesible e evita moitos desprazamentos”, manifestou a deputada popular, quen apuntou que “o que se debe facer é mellorar esa atención non presencial con novas posibilidades tecnolóxicas, como pode ser a atención a través de videochamada, e dende logo garantir unha atención telefónica sen demoras”.
GOBERNAR E PROTEXER Á POBOACIÓN
A deputada popular afirmou que “en Galicia se goberna e se protexe á poboación” e salientou que, xunto con Asturias, está entre as comunidades autónomas de España con menor incidencia de coronavirus”. “Isto non é casualidade”, porque, “desde o minuto un, o Goberno galego se puxo a traballar e todas as semanas se reúne co Comité Clínico do Sergas, onde se deciden as medidas a tomar”.
Marta Rodríguez-Vispo recoñeceu a necesidade dunha reforma da atención primaria en Galicia e recordou que “o Goberno galego xa ten aprobado e en desenvolvemento un Plan Galego, cun orzamento específico de máis de 100 millóns de euros e que ten previsto a incorporación de novas prazas de profesionais sanitarios”.
“A chegada da pandemia sanitaria supuxo para os profesionais de atención primaria unha sobrecarga de traballo engadida”, sinalou, para lamentar que a incorporación de novos sanitarios vese limitada porque “nas categorías profesionais de medicina de familia e de pediatría o paro é cero, tanto en Galicia como no resto do Sistema Nacional de Saúde”.