Santiago, 6 de outubro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avogou hoxe no Pleno do Parlamento galego por elaborar unha proposta de consenso no seo da Comisión de Estudo para a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19 que sexa defendida pola Xunta de Galicia ante o Goberno central de cara á distribución dos fondos extraordinarios procedentes da Unión Europea para a recuperación tras a pandemia sanitaria.
Pedro Puy afirmou que “a Unión Europea está funcionando e foi quen de impulsar unha reacción temperá e sen precedentes fronte aos efectos da pandemia”. Neste sentido, lembrou que no mes de marzo xa activou a cláusula xeral de salvagarda do marco orzamentario para este ano, e en setembro comunicou que se mantén para 2021; adoptou nese mesmo mes dous paquetes de flexibilización dos investimentos con fondos europeos; presentou un marco orzamentario plurianual 2021-27, que mantén o esforzo nas políticas de cohesión; e presentou un plan de choque histórico, dotado con 750.000 millóns de euros.
RESPOSTA FORTE DA UE
Deste xeito, subliñou a “resposta forte da Unión Europea dotando con fondos para axudar, principalmente, aos países con menor capacidade financeira, como é o caso de España”. “Esta decisión da UE reforza a integración económica, a solidariedade e a evolución cara unha nova economía innovadora”.
O portavoz popular considerou “absolutamente necesaria” a implicación das comunidades autónomas na elaboración dos proxectos que opten a estes fondos europeos, tanto “polas competencias que teñen asumidas, como pola transparencia e a equidade; e polos recentes antecedentes na distribución de fondos, nos que Galicia saíu prexudicada”.
Respecto da proposta do BNG de crear unha ponencia específica que elabore unha proposta de consenso que sexa defendida por parte da Xunta ante o Estado de cara á negociación da distribución dos 140.000 millóns de euros procedentes da Unión Europea, Puy explicou a imposibilidade de constituír ese órgano no Parlamento galego porque “non está recollido no seu regulamento”.
Pero, ademais, remitiuse á Comisión de Estudo para a reactivación de Galicia pola crise da Covid-19, que se constituirá o vindeiro xoves no Parlamento, como lugar “para debater e chegar a acordos nun plan de traballo” que incorpore este e outros asuntos.