Santiago, 7 de outubro de 2020.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda do Goberno central e da Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo que non leven ao quebranto económico da frota e que teña en conta todas as medidas de xestión sostible que as diferentes organizacións rexionais de pesca e a Unión Europea teñen adoptado en favor desta especie.
A deputada popular Teresa Egerique lembrou que “a inclusión do marraxo no Apéndice II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres, o pasado mes de agosto, provocou que os cargamentos deste escualo enviados desde o mes de novembro estean retidos”.
BLOQUEO AO SECTOR PALANGREIRO
“O motivo é que para dar validez ao envío desta carga, debe estar acompañado dun certificado que debe emitir a Secretaría de Estado de Comercio e que, cinco meses despois de adoptarse a decisión da inclusión do quenlla marraxo no CITES, aínda non se creou”, explicou Egerique.
Na súa intervención, explicou que “este bloqueo afecta directamente ao sector palangreiro de superficie galego, xa que aínda que a captura non se realiza na costa galega, a maioría dos buques con capturas desta especie teñen a súa base en portos galegos e contan con tripulacións locais”. En concreto, apuntou que esta medida afecta a 135 barcos galegos, con arredor de 950 tripulantes.
Diante desta situación, Teresa Egerique lembrou que “a Consellería do Mar demandou á Secretaría General de Pesca do Goberno central a principios do mes de febreiro, en continuidade doutras xestións realizadas en decembro de 2019, a axilización das emisións de certificados de exportacións de especies ameazadas para poder dispoñer do marraxo que se viña acumulando nas cámaras frigoríficas”. Posteriormente, a propia conselleira volveu demandar por carta no mes de xullo unha solución para esta situación, solicitude que tamén fixo o Presidente da Xunta remitiu unha nova carta en setembro á vicepresidenta cuarta do Goberno de España sinalando a importancia do problema e a necesidade de obter unha solución equilibrada. “Lamentablemente, a día de hoxe non houbo resposta por parte do Goberno central”, sinalou.
“Por este motivo, o Grupo Popular volve insistir desde o Parlamento galego, atendendo as demandas realizadas polo propio sector, na necesidade de que se poñan en marcha as medidas oportunas para que a protección do marraxo non supoñan un quebranto para a frota galega, tendo sempre en conta as medidas de xestión sostible adoptadas pola Unión Europea e polas organizacións rexionais de Pesca”, indicou Teresa Egerique.