Santiago, 14 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro afirmou hoxe no Parlamento que “o principal desafío que afronta na actualidade a sociedade galega, ademais do reto sanitario, é intentar reducir o máximo posible o impacto económico e social, moi especialmente no ámbito laboral”. Por este motivo, salientou a posta en marcha da Axenda Emprego 2021 por parte da Xunta de Galicia, cun orzamento próximo aos 200 millóns de euros e que prevé beneficiar a máis de 65.000 galegos.
Balseiro manifestou que “salvar empregos debe ser unha prioridade e non un exercicio de confrontación política”, polo que demandou “o compromiso de todos para combater a crise e enviar unha mensaxe de confianza fronte a quen, persoal e profesionalmente, está a sufrir graves dificultades”.
CO AVAL DO DIÁLOGO SOCIAL
Na súa intervención, o deputado popular explicou que a Axenda Emprego 2021, avalada polo diálogo social, ten como un dos seus principais obxectivos a transición cara o novo contexto laboral, con iniciativas como incentivos á contratación ou axudas a persoas incluídas en ERTE e ás persoas maiores que perderon o seu emprego como consecuencia da crise da Covid-19.
“Tamén traballa na recuperación da confianza, con guías e asesoramento en seguridade e saúde laboral; e da prioridade á formación para o emprego, con apostas como o campus emprego ou a batería de programas mixtos de inserción laboral”, apuntou.
Para rematar, José Manuel Balseiro indicou que “esta folla de ruta do Goberno galego tamén incorpora medidas para o emprego autónomo, como axudas directas para financiar os gastos extraordinarios que estes traballadores tiveron durante a pandemia, así como a modernización das oficinas de emprego, tanto no que respecta aos orientadores laborais como para melloras tecnolóxicas”.