Santiago, 20 de outubro de 2020.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, avogou hoxe no Pleno porque a Xunta “continúe traballando conxuntamente coa comunidade educativa para garantir a máxima seguridade sanitaria, por asegurar o dereito á educación e por manter a calidade do ensino galego”.
Así mesmo, salientou que o Goberno galego “blindou este curso 2020-21 cun investimento de 162 millóns de euros para atender as necesidades xeradas pola Covid-19” e apuntou que, tras a incorporación de 2.300 novos docentes, o número de alumnos por profesor reduciuse a 9,3.
Ovidio Rodeiro subliñou que, “aínda que os grupos da oposición non queiran recoñecelo, a educación pública de Galicia está entre as mellores do Estado e mesmo de Europa”.
CONTACTO PERMANENTE
Así mesmo, o portavoz popular explicou que, “en contrapunto do que fai o Goberno central, que por primeira vez na historia da democracia vai aprobar unha Lei de educación sen escoitar á comunidade educativa, a Xunta mantivo un contacto permanente e un diálogo continuo con todos aqueles axentes e institucións que tiñan algo que dicir e aportar ao inicio deste complexo curso escolar”.
Respecto da limpeza dos centros escolares, Rodeiro demandou a socialistas e BNG “que reclamen ao Goberno central a transferencia a Galicia dos 36 millóns de euros de fondos Covid que nos corresponden polo financiamento autonómico”. Pola contra, indicou que “a Xunta vai inxectar un total de 23,5 millóns de euros nos centros educativos públicos para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da Covid-19, o que supón un incremento do 42 por cento dos recursos que a Consellería pon a disposición dos centros”.
Ademais, asegurou que “a Xunta mantén un exquisito respecto á autonomía municipal, cumprindo fielmente e coa máxima lealdade os compromisos e acordos coa Fegamp a través do Pacto Local, librando mes a mes aos concellos os fondos comprometidos e que lles corresponden a través do fondo de cooperación local”.