Santiago, 20 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular José Antonio Armada salientou hoxe no Pleno o esforzo que realiza a Xunta para levar a cabo a prevención de incendios forestais mediante a planificación e a ordenación da superficie forestal, así como coa recuperación da actividade agrícola e gandeira nas terras abandonadas para que xeren discontinuidades no territorio e sexan capaces de parar os incendios ou reducir a súa afectación.
Ademais, subliñou que “neste ano incorporáronse 500 operarios que traballaban en Seaga e duplicouse o tempo mínimo de traballo de case mil membros do servizo, cun gasto público de 12 millóns de euros anuais”.
José Antonio Armada concretou que “unha das características máis salientables do servizo de prevención e extinción contra os incendios forestais é a profesionalidade, a cal se pon de manifesto na coordinación e nunha disposición extraordinaria dos seus membros, cun despregamento excepcional en zonas de alta afectación incendiaria sen desatender o resto do territorio galego”.
“Unha labor que vén representada por medio dunha asistencia óptima baixo o mando único da Xunta de Galicia, que permite levar a cabo unha extinción efectiva dos lumes e cun tempo marca de reacción, situándose como un dos mellores servizos de extinción de Europa”, apuntou o deputado popular.
Así mesmo, engadiu que, “no marco das recomendacións do ditame da Comisión de Estudo sobre os incendios forestais celebrada na pasada lexislatura, traballouse intensamente no reforzo do servizo de prevención e extinción de incendios de Galicia cara a configuración como un servizo público, único e versátil”. Neste sentido, ademais da incorporación de 500 operarios do Seaga e duplicar o tempo mínimo de traballo de 1.000 membros, investíronse 6,4 millóns de euros na dotación de material, tanto para o mantemento do operativo como para a adquisición de motobombas.
INVESTIGACIÓN
O deputado popular incidiu na intencionalidade dos incendios forestais e concretou que “tres de cada catro lumes acontecidos en Galicia son intencionados, e en condicións favorables para a súa propagación”.
Neste sentido, salientou “a investigación como piar básico fronte á lacra dos lumes forestais” e insistiu na necesidade da colaboración cidadá contra estes comportamentos incendiarios como unha das claves para a loita contra esta problemática.
Por último, destacou “a acción dos axentes ambientais da Consellería do Medio Rural, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como a dotación de apoio tecnolóxico para desempeñar a devandita labor: desde cámaras de última xeración, fixas e móbiles, como drons, ordenadores e outros dispositivos informáticos e programas de investigación á medida”.