Santiago, 31 de outubro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, co voto en contra do grupo socialista, a través da que se reclama ao Concello de Vigo que realice, coa maior brevidade posible, a cesión do espazo para a edificación da futura Biblioteca Pública de Vigo.
A deputada popular Teresa Egerique criticou que os orzamentos xerais do Estado para 2021 “non teñan consignado un só euro para a construción desta biblioteca”, polo que considerou “imprescindible que tanto os socialistas galegos, como o propio Concello de Vigo e o Goberno central aposten decididamente por esta obra e incorporen unha partida específica nas contas do Estado coas características e investimentos demandados pola Xunta de Galicia no informe de necesidades presentado ao Ministerio de Cultura”.
Teresa Egerique lamentou que “Vigo carece dunha rede de bibliotecas municipais, pero non por falta de demanda ou necesidade, senón por unha decisión da Concellería de Cultura ou do propio alcalde de Vigo, que lle da prioridade a outros asuntos”. “Nos últimos anos o Concello abriu dúas salas de lectura, pero non puxo interese na construción dunha gran biblioteca pública do Estado en Vigo, que pedía cando gobernaba o Partido Popular en España, pero só para lograr algún titular pois nunca puxo o empeño e a vontade suficientes, e moito menos agora que goberna o PSOE”, indicou, polo que criticou que “semella que Abel Caballero é máis de norias que de bibliotecas”.
ENTRE 8.000 E 8.500 METROS CADRADOS
Así mesmo, lembrou que a futura biblioteca do Estado en Vigo “supón a participación de tres administracións: o Concello de Vigo, que cede a parcela na que se construirá; o Ministerio de Cultura, que fai o proxecto, executa a obra civil e se encarga do seu equipamento; e a Xunta de Galicia, que recibe o edificio e pasa a xestionar a nova sede da biblioteca central territorial de Vigo”.
A deputada popular recordou que a Consellería de Cultura presentou ao o pasado mes de xullo o informe de necesidades da futura biblioteca, planificado para unha superficie útil de entre 8.000 e 8.500 metros cadrados, “pensando nese tamaño como imprescindible para dar servizo á cidade máis poboada de Galicia”.
Neste sentido, Egerique sinalou que “para esta proposta tívose en conta que Vigo carece dunha rede municipal de bibliotecas; o tamaño medio das bibliotecas construídas polo Ministerio de Cultura, de entre 6.000 e 6.500 metros cadrados; e que tres das bibliotecas centrais territoriais de Galicia, xestionadas pola Xunta en Ourense, Santiago e A Coruña, superan os 5.000 metros cadrados”.