Destaca a activación da Axenda de Emprego da Xunta, unha planificación adaptada ao novo contexto socioeconómico para apoiar ás familias
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou as cifras do paro de outubro coñecidas esta mañá e subliñou que Galicia conte con 10.322 desempregados menos que ao inicio do impacto da pandemia, o que significa que estamos a recuperar emprego con respecto a abril deste ano cun descenso do paro do 5,39%.
Na evolución anual, e malia que o desemprego aumenta en Galicia en 17.000 persoas polo efecto da COVID-19, o paro sitúase a un nivel inferior ao de hai 11 anos, pese ao incremento rexistrado. Ademais, o desemprego en España aumenta case o dobre que en Galicia e o ritmo de subida na Comunidade é máis de 10 puntos inferior ao do Estado.
“Non hai nada que celebrar nunha situación na que aínda moitos galegos continúan sufrindo as consecuencias do coronavirus pero si estamos satisfeitos por comprobar que as medidas que Galicia tomou están dando os seus froitos”, manifestou Tellado.
AXUDAR ÁS FAMILIAS
O número dous dos populares puxo en valor o labor realista da Xunta, que actualizou a súa planificación en materia laboral e está deseñando da man dos axentes sociais e económicos medidas que poidan axudar ás familias galegas a superar esta crise sanitaria o antes posible. “O Goberno galego traballou desde o primeiro momento para reactivar a economía galega e para axudar aos sectores económicos máis afectados”, incidiu.
Nese senso, destacou a activación da Axenda de Emprego, que está adaptada ao novo contexto socioeconómico para dar unha resposta áxil aos efectos da crise sanitaria e coa que se prevé mobilizar máis de 225 millóns de euros a través de 30 medidas que beneficiarán a máis de 65.000 persoas.
Segundo sinalou Tellado, o obxectivo é recuperar no menor tempo posible o emprego destruído desde o inicio da pandemia e reactivar a economía mediante o fomento de emprego de calidade “e imos no camiño”, dixo referíndose aos datos de desemprego de outubro e á última EPA, que reflicte que Galicia creou postos de traballo de calidade e acadou diminuír a taxa de paro con respecto ao segundo trimestre.
APOIAR AOS AUTÓNOMOS E MICROEMPRESAS
Igualmente, o secretario xeral do PPdeG recordou que a Xunta está facendo un importante esforzo para manter o emprego dos traballadores por conta propia e nas microempresas, e mencionou o recente Plan de rescate para os autónomos e microempresas anunciado polo presidente Feijóo e que se porá en marcha este mesmo mes de novembro.
Esta iniciativa, que conta cun investimento de 70 millóns de euros, establece dúas liñas de axudas: una especifica para manter o emprego nas microempresas que teñan ou tivesen declarado un ERTE, e outra axuda directa para todos aqueles que tivesen paralizada a súa actividade durante a lo menos seis meses.
Sobre isto, Tellado aclarou que “estas axuntas son perfectamente compatibles coas axudas da Administración central”. De feito, resaltou que o seu obxectivo é paliar a falta de compromiso do Goberno socialista cos traballadores autónomos.
LEI DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA
Por último, o número dous dos populares en Galicia salientou a futura Lei de reactivación económica, que tamén permitirá crear un entorno favorable para que a economía galega poida saír fortalecida. Esta normativa daralle ás iniciativas empresariais a cobertura legal que precisan para que teñan a máxima seguridade xurídica e promoverá a máxima axilización administrativa.