Santiago, 30 de outubro de 2020.- O deputado do Grupo Popular José Luis Ferro demandou hoxe no Parlamento galego a realización dun plan director que recolla as especificacións técnicas necesarias para redactar os proxectos de restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos, un documento necesario para definir tanto as necesidades de actuación como a aportación económica precisa para desenvolver, posteriormente, unha folla de ruta de intervencións orientadas a reverter o deterioro do ben. Porén, lembrou que “estamos a falar dun ben de titularidade municipal, polo que o Concello é o responsable da súa conservación e mantemento”.
José Luís Ferro incidiu que a Xunta “sempre se amosou disposta a colaborar na rehabilitación do Parque do Pasatempo e mostra disto foi a súa declaración como ben de interese cultural para salvagardar e garantir a protección deste espazo”.
OUTRAS APORTACIÓNS
“Pero, ademais, o Goberno galego transmitiu ao Concello a súa intención de prestar apoio a través da elaboración dun plan director que recolla as especificacións técnicas necesarias para a elaboración dos proxectos de restauración e definir as partidas económicas necesarias”, apuntou.
En definitiva, o deputado popular concretou que “a achega económica da Xunta está supeditada á elaboración do proxecto de restauración, e será nese momento cando se deban abordar as posibles aportacións doutras administracións para axudar á recuperación do Parque do Pasatempo”.
Ferro manifestou que a declaración como BIC “é importante porque afonda na necesidade do seu mantemento e conservación por parte do Concello”. “Máis alá das discrepancias políticas, o parque merece que todos nos esforcemos para que recupere o seu significado didáctico e así convertelo en foco de atracción turística”, engadiu.
Para rematar, José Luis Ferro incidiu que o Goberno galego “é consciente do significado e da importancia deste parque, xa que amosa o compromiso social dos emigrantes”. Deste xeito, asegurou que a súa posta en valor “servirá para homenaxear os actos de xenerosidade dos moitos filántropos galegos que sempre pensaron en retornar á súa patria e que se comprometeron con ela para mellorar altruístamente o benestar dos seus pobos de orixe”.