Santiago, 3 de novembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, informou hoxe que a Xunta de Portavoces acordou incluír unha comparecencia do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no Pleno da vindeira semana para informar das medidas adoptadas polo Goberno galego na loita contra a pandemia da Covid-19.
Así mesmo, a sesión plenaria inclúe o debate para a súa aprobación do teito de gasto para 2021, así como dúas proposicións non de lei do Grupo Popular: unha, para rexeitar o decreto do Goberno central que permitirá a un alumno aprobar, promocionar ou titular con independencia do número de materias suspensas; e outra solicitando á Xunta a posta en marcha dun centro de terapia CAR-T.
Ao remate da reunión da Xunta de Portavoces, Miguel Tellado deu conta do acordo para que o Presidente da Xunta compareza ante o Pleno para informar da situación da Covid-19 en Galicia. Esta comparecencia substituirá ao punto de preguntas ao Presidente da Xunta, no que as dúas cuestións formuladas polos grupos da oposición xa versaban sobre a pandemia sanitaria.
Así mesmo, o Pleno tamén inclúe a comparecencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, por petición propia e acumulada a unha solicitude do BNG, para informar da situación e das medidas adoptadas polo Goberno galego ante a situación de turbidez do río Eume e o seu impacto no abastecemento de auga en Pontedeume
O MAIOR TEITO DE GASTO
A orde do día da sesión plenaria aprobada hoxe incorpora o debate e aprobación do teito de gasto para 2021, aprobado no último Consello da Xunta e que ascende a 11.664 millóns de euros, centrados na loita contra a pandemia e na reactivación económica. “Estamos a falar dun teito de gasto excepcional, por ser o máis alto da serie histórica en Galicia, motivado polos recursos extraordinarios que imos recibir de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”, explicou Tellado.
Así mesmo, insistiu que “os principais obxectivos durante o vindeiro ano serán afrontar a pandemia sanitaria, a reactivación da economía e, na medida das nosas posibilidades, axudar ás familias, autónomos e pequenas e medianas empresas que están sufrindo a crise económica e social nos seus propios fogares”. Con respecto a 2020, o teito de gasto para o vindeiro ano medra un 14,9%, o que vai permitir incrementar as capacidades de gasto da Xunta ao redor de 1.500 millóns, que se dedicarán basicamente a investimento produtivo, a reactivación económica e a conter o desemprego.
No Pleno da vindeira semana debaterase a totalidade dos dous primeiros proxectos de lei desta nova lexislatura: o de Ordenación do Territorio e o de Pesca Continental de Galicia. O primeiro deles permitirá integrar o procedemento ambiental e o de tramitación dos instrumentos de ordenación nun único procedemento, para facilitar a súa aplicación e evitar acudir a varias normas; mentres que o segundo aposta por impulsar a remuda xeracional e un modelo de pesca sostible capaz de xerar emprego e riqueza no rural.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que o Parlamento galego amose a súa oposición ao decreto do Ministerio de Educación que rebaixa o nivel e os requisitos para que un alumno aprobe, promocione ou titule no curso 2020-21 con independencia do número de materias suspensas. Miguel Tellado criticou que esta decisión “adoptouse ignorando a normativa orgánica de educación e sen ter en conta ás comunidades autónomas, suprimindo a función da educación como xeradora de igualdade de oportunidades no alumnado”.
“Este xeito de proceder por parte do Goberno do Estado, ignorando a normativa orgánica e ocultando a información nunha decisión tan importante para toda a comunidade educativa, desprestixia a educación e o traballo dos docentes e as súas familias, ao tempo que vai en contra da cultura do esforzo e ataca a equidade”, sinalou.
TERAPIA AVANZADA EN GALICIA
A través dunha segunda proposición non de lei, o Grupo Popular solicitará que, no marco do futuro Plan Galego de Oncoloxía, se elabore unha estratexia de medicina personalizada e terapia celular avanzada e se poña en marcha un centro de terapia CAR-T en Galicia.
O viceportavoz popular lembrou que esta proposta estaba incluída no programa electoral do PPdeG para as eleccións galegas deste ano, que demandaba a posta en marcha dun centro de terapia CAR-T en Galicia. “A chamada terapia avanzada é aquela coa que se pretende que o sistema inmune do paciente recupere a capacidade de recoñecer e destruír de forma selectiva as células tumorais, unha forma de tratamento do cancro que se pretende que no futuro complemente aos clásicos tratamentos de radioterapia e quimioterapia”.
Por último, o Grupo Popular preguntará ao Goberno galego os beneficios que reporta aos estudantes galegos a rebaixa do prezo das matrículas universitarias no curso 2020/2021 e sobre o desenvolvemento do Plan de asistencia ao ictus en Galicia posto en marcha no ano 2016.