Indica que o presidente do Goberno está disposto a pagar calquera prezo para manterse na Moncloa, algo para o que conta co apoio do Bloque
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, manifestou a súa preocupación polos acordos aos que está chegando Pedro Sánchez, “que pacta con ERC a educación de todos os españois, renunciando ao castelán como lingua vehicular do ensino; e pacta con Bildu os Presupostos Xerais do Estado, renunciando aos consensos sobre os que se construíu a nosa democracia e á propia historia do Partido Socialista”. “Para Sánchez calquera prezo e pouco para manterse un dia máis na Moncloa e, para logralo, conta co apoio incondicional dos seus socios galegos do BNG”, engadiu.
Segundo indicou, ao socialista non lle importa sacrificar a decencia e a memoria, e así o fixo convertendo a Bildu en socio preferente do Goberno, algo que é una mala noticia para todos os demócratas, unha vitoria dos que creen que todo vale en política e un insulto intolerable para os milleiros de vítimas do terrorismo en España.
O número dous do PPdeG lembrou que representantes de todos os partidos democráticos manifestaron onte o seu desacordo con este pacto, que é unha nova mostra da progresiva podemización do Executivo socialista e que posiciona a Bildu, non só como un interlocutor político decente, senón como un socio prioritario para o Goberno de España.
Nese senso, afeou que mentres Susana Díaz, Fernández Vara, García Paje, Javier Lambán e outros moitos lideres socialistas acaban de rexeitar o acordo, Gonzalo Caballero se limite a aplaudir todo o que fai Pedro Sánchez.
Ademais, Tellado asegurou que este acordo sorprendeu menos en Galicia, xa que Bildu leva moito tempo sendo o socio preferente do BNG -presentáronse xuntos ás eleccións europeas e reparten escano en Bruselas- e lamentou que, malia que ambas formacións teñan un pasado moi distinto, “desgraciadamente, o seu presente é o mesmo”.
“Supoñemos que o Bloque é o nexo de unión entre Bildu e o PSOE pois son os socios de Otegi en Europa e de Pedro Sánchez en Madrid”, precisou recordando que houbo un tempo en que os nacionalistas galegos compartían inquedanzas co PNV e CIU mentres hoxe os seus socios son Bildu e ERC.
DEFENDER O MODELO LINGÜÍSTICO DE GALICIA
Do mesmo modo, o secretario xeral cuestionou que, con tal conseguir o voto dos seus socios independentistas, Sánchez tamén sacrifique a convivencia lingüística, referíndose ao acordo cos nacionalistas que suprime a condición do castelán como lingua vehicular do ensino.
Ante esta situación, Tellado defendeu o modelo lingüístico de Galicia, de convivencia lingüística e que da excelentes resultados na nosa educación; polo que admitiu que en Galicia non renunciaremos a que o castelán e o galego sexan as linguas vehiculares no ensino, ao marco lingüístico que establece a Constitución, o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística, a falar dúas linguas que nos permiten comunicarnos con millóns de falantes das comunidades hispanas e lusófonas e á riqueza que supón coñecer e usar dous idiomas.
Por todo isto, avanzou que o PPdeG rexistrou unha iniciativa no Parlamento que reivindica o uso do galego e do castelán como linguas vehiculares no ensino e que os populares tamén impulsarán propostas semellantes en concellos e deputacións pedindo ao PSdG que se posicione a favor ou encontra do uso das nosas dúas linguas na ensinanza. “Sabemos que a Gonzalo Caballero cústalle moito posicionarse sobre calquera cousa. Tal vez tamén nos remita a Pablo Arangüena para obter una resposta sobre isto. En todo caso, esperamos saber cal e a opinión do PSdG xa que a do BNG xa nola imaxinamos”, sentenciou.