Santiago, 18 de novembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos insistiu hoxe no Parlamento “no compromiso do PPdeG para a recuperación para o público daqueles bens que se puideran ter incorporado de maneira ilegal ou irregular ao patrimonio da familia Franco”. “Ningunha institución local precisa da autorización do Parlamento para reclamar os seus lexítimos dereitos, nin existe impedimento para que se acuda aos tribunais para reclamar os lexítimos dereitos das institucións”, indicou.
Alberto Pazos lembrou que desde o Grupo Popular “apoiamos desde o primeiro momento a iniciativa que instaba ao Estado a interpoñer accións legais encamiñadas á recuperación do pazo de Meirás, así como a reivindicación das estatuas de Abraham e Isaac para que retornen ao Concello de Santiago”.
CONTINUAR RECLAMANDO
“Non atoparán neste grupo parlamentario impedimento algún para que se continúen reclamando aqueles bens que presenten dúbidas de similares características, como a Casa de Cornide en A Coruña, o Pazo de Dodro, as pías bautismais de San Xián de Moraime ou calquera outro”, apuntou.
Neste sentido, o deputado popular lamentou que o BNG rexeitara a emenda in voce feita durante o debate a través da que se demanda que o Goberno de España elabore un informe sobre todos os bens que puideran terse incorporado ao patrimonio dos herdeiros do ditador de maneira irregular ou ilícita, con expresa indicación dos que tiveran orixe galega.
“Este informe serviría de base para a elaboración dun estudo coas posibles vías para a súa recuperación, así como as fórmulas de asesoramento ás persoas físicas ou xurídicas que desexen iniciar procesos legais para a restitución dos citados bens”, concretou.