Santiago, 24 de novembro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos afirmou hoxe no debate de totalidade do proxecto de Lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia que esta nova norma servirá para “proxectar Galicia no mundo, afondar na relación coa Galicia exterior, consolidar a Eurorrexión e mellorar a cooperación para o desenvolvemento”.
Alberto Pazos salientou que “Galicia converterase na segunda comunidade en aprobar un instrumento legal que lle permita optimizar todas as capacidades de proxección exterior recoñecidas na normativa estatal, pero a primeira comunidade en aprobar esa normativa desde a lealdade institucional ao conxunto de España, sen convertela nun instrumento de confrontación e conflito coas outras administracións do Estado”.
VOCACIÓN DE PERVIVENCIA
“Estamos a falar dunha lei nacida do diálogo, enriquecida polo diálogo e que nos gustaría aprobar co máximo consenso posible”, sinalou, para apuntar que, “ao igual que a Estratexia Galega de Acción Exterior, ten unha vocación de pervivencia máis aló deste ou calquera outro goberno, pretendendo superar as lexítimas diferenzas ideolóxicas para converterse nun instrumento de país”.
Respecto das emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición, Pazos manifestou que o BNG parte “dunha concepción de Galicia como nación independente, politicamente lexítima, pero que non é compartida pola inmensa maioría do pobo galego”. Así, engadiu que “aspiran a unha acción exterior de carácter soberanista, que non conta co respaldo do pobo ao que pretenden representar”.
Sobre da emenda á totalidade do PSdeG, o deputado popular afirmou que “define á perfección a súa estratexia política: defensa a ultranza do Goberno de Pedro Sánchez, excepto cando acorda coa Xunta”. Ademais, engadiu que “non hai nela visión ideolóxica, nin análise rigoroso, nin a mínima aspiración galeguista”.
“Se a ideoloxía non foi impedimento para alcanzar gobernos, non pode ser a escusa para non construír pais, e para alcanzar consensos arredor do sentimento maioritario da Galicia de hoxe”, indicou.