Santiago, 24 de novembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, afirmou hoxe no Parlamento que “Galicia é unha das comunidades autónomas que da maiores axudas á hostalería para superar o impacto da Covid-19: entre 3.600 e 9.200 euros para máis de 50.000 profesionais”.
Deste xeito, os deputados populares apoiaron a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central medidas como aprazar os pagos do IRPF e do IVE do cuarto trimestre de 2020, até doce meses; ampliar o prazo dos pagos fraccionados do imposto de sociedades; aplicar un IVE reducido do 4% para o sector da hostalería e do turismo; establecer condonacións especiais no pago das cotas empresariais á Seguridade Social; e impulsar as actuacións necesarias para prorrogar un ano o período de amortización e carencia dos préstamos ICO.
Miguel Tellado lembrou que a Xunta “vén de ampliar as axudas para os autónomos e a hostalería, chegando a preto de cen millóns de euros para beneficiar a uns 50.000 profesionais”. “Trátase do maior paquete de axudas a un sector da historia de Galicia e un dos maiores investimentos na hostalería de toda España”, sinalou.
“Este plan de rescate, dirixido a autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros, foi posto en marcha un día antes de que empezaran as restricións e acaba de ser ampliado atendendo todas e cada unha das demandas que solicitaron os representantes do sector: axilizando a súa tramitación, flexibilizando os requisitos e aumentando o investimento”, apuntou Miguel Tellado.
11.000 SOLICITUDES EN 24 HORAS
O resultado foi que nas primeiras 24 horas recibíronse máis de 11.000 solicitudes, que empezarán a cobrarse xa no mes de decembro.
O viceportavoz popular subliñou que estas medidas “foron aplaudidas publicamente polos representantes dos sectores turísticos e hostaleiro de Galicia, cos que se traballou man a man para responder ás principais necesidades do sector”.
“Agora é necesario a implicación real das demais administracións, porque a Xunta non pode dar axudas para que os hostaleiros paguen os impostos que sobe o Goberno de Pedro Sánchez ou as taxas locais nos gobernos municipais”, manifestou.