Santiago, 25 de novembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei, transaccionada entre os tres grupos parlamentarios, a través da que se demanda ampliar a rede de centros de información ás mulleres, reforzar as medidas dirixidas á atención ás mulleres vítimas de violencia machista que viven no rural e incrementar a colaboración coa Rede Galega contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.
Así mesmo, a proposición non de lei incorpora a solicitude para que a Xunta deseñe, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, un plan específico de atención psicolóxica para mulleres en situación de violencia machista; a ampliación do plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia machista; e a elaboración dun estudo sobre a situación das mulleres vítimas da violencia machista en Galicia durante a pandemia.
APROBACIÓN DA LEI DE LOITA CONTRA A TRATA SEXUAL
Por último, pídese ao Goberno de España que impulse a aprobación da Lei Orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, cumprindo deste xeito co aprobado no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considerou necesario “o incremento do orzamentos para a igualdade, non só para atención ás vítimas de violencia de xénero, que xa está garantido por lei cunha partida ampliable”. “É preciso abordar a igualdade de xeito transversal, desde a educación, a prevención, a sensibilización e a atención, e non só desde un punto de vista asistencialista”, concretou.
Así mesmo, afirmou que “é fundamental que a atención psicolóxica ás vítimas garanta que non se produza unha revictimización, evitando que teñan que contar a súa problemática cada día a unha persoa diferente”.
Neste sentido, lembrou que Galicia foi pioneira en España na posta en marcha dun servizo de quenda de garda psicolóxica especializada e permanente para mulleres e os seus fillos e fillas menores que sofren violencia de xénero en Galicia. Este servizo ten carácter inmediato para as posibles situacións de urxencia e préstase a requirimento das forzas e corpos de seguridade as 24 horas do día e os 365 días do ano en todos os partidos xudiciais da Comunidade galega.