Santiago, 4 de decembro de 2020.- Unha vez expirado o mandato tanto do Presidente como dos conselleiros electivos do Consello de Contas de Galicia e aberto o prazo para a presentación de candidatos a membros electos deste organismo por parte do Parlamento de Galicia, o Grupo Popular vén de propor aos maxistrados José Luís Costa Pillado e Ignacio Aranguren Pérez.
Os candidatos comparecerán o vindeiro venres, 11 de decembro, na Comisión 1ª do Parlamento galego para comprobar que acreditan o cumprimento dos requisitos previstos na lei.
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago, José Luis Costa Pillado ingresou por oposición na Escola Xudicial en 1982, sendo nomeado xuíz de ingreso en 1983, cargo que exerceu en Ibiza e na Estrada. Posteriormente, foi nomeado xuíz de ascenso en 1984, cargo que exerceu na cidade de Pontevedra.
Promovido á categoría de maxistrado en 1988, exerceu como tal no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 5 de Pontevedra ata 1998 e, posteriormente, ata o ano 2003, no Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 desta mesma cidade, cargo que compatibilizou temporalmente co de maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao que foi destinado por Real Decreto de 2003, formou parte das súas seccións Terceira e Cuarta, especializadas en expropiación forzosa e tributos estatais. Exerceu este cargo ata 2008, no que pasou á situación administrativa de servizos especiais polo seu nomeamento como conselleiro electo do Consello Consultivo de Galicia.
Nomeado conselleiro electo do Consello Consultivo de Galicia en 2008, exerceu ese cargo ata o ano 2014, no que foi nomeado Presidente deste organismo ata a actualidade.
Pola súa banda, Ignacio Aranguren Pérez é licenciado en dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Accedeu á carreira xudicial pola quenda de oposición en 1996, con destinos en Sigüenza (Guadalajara) e Figueres (Girona). No ano 2000 accedeu á carreira de maxistrado especialista do contencioso-administrativo por oposición, sendo destinado á Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desde o ano 2002.
Letrado do Tribunal Constitucional entre 2002 e 2004, posteriormente foi destinado de maneira continua e ininterrompida na Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Actualmente, forma parte do Consello Consultivo de Galicia desde xullo de 2014.