Santiago, 4 de decembro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través a que se insta á Xunta a potenciar a plataforma tecnolóxica web para poñer en valor e ampliar a formación a distancia no agro galego.
“O obxectivo é que esta formación se converta nun dos instrumentos fundamentais da modernización e do avance do medio agrario e, deste xeito, restablecer o equilibrio territorial no mundo rural en condicións de vida semellantes ao das zonas urbanas”, sinalou o deputado popular Daniel Vega.
Na súa intervención, o deputado popular lembrou que “a formación constitúe un elemento imprescindible para lograr a competitividade do sector agrario, gandeiro e forestal, co obxectivo de xerar espazos favorables á cultura empresarial, ao emprendemento e á innovación”.
RETO PARA AS ADMINISTRACIÓNS
“Nun mercado cada vez máis esixente e cambiante, a profesionalización do sector primario mediante a mellora das súas capacitacións e cualificacións profesionais é un reto para as administracións públicas en relación ao coñecemento técnico e produtivo, pero tamén en termos comerciais e de xestión”, engadiu.
O deputado popular manifestou que “os programas de formación agraria e forestal favorecen a capacitación e a incorporación de mozos ao sector primario, así como a aprendizaxe permanente de todos os profesionais favorecendo o desenvolvemento rural, a sustentabilidade, a mellora ambiental, a competitividade, a innovación e a implantación de novas tecnoloxías”.
Vega subliñou que “a formación on-line pode considerarse como o presente e futuro da educación polas grandes vantaxes, como o aforro de custes e tempo, a flexibilidade, a facilidade do uso e aprendizaxe, a seguridade e, dunha forma sinxela, a actualización da información e dos seus contidos”.