Santiago, 5 de decembro de 2020.- O Grupo Popular vén de solicitar a comparecencia do Vicepresidente 2º e conselleiro de Economía Empresa e Innovación, Francisco Conde, na Comisión especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19, a fin de que informe sobre as iniciativas e os proxectos que está a desenvolver o Goberno galego para a transformación económica e social de Galicia.
Esta nova presenza do Vicepresidente 2º da Xunta na Comisión de reactivación viríase sumar ás outras 48 comparecencias consensuadas polos tres grupos parlamentarios que xa se celebraron, así como os máis de 140 informes e documentos solicitados a distintas entidades públicas e privadas, que xa están empezando a ser entregados á Comisión.
O obxectivo desta comparecencia é que Francisco Conde informe aos membros da comisión sobre os proxectos nos que a Xunta está a traballar para a dinamización económica e social de Galicia e que poidan acceder aos fondos europeos para a reconstrución Next Generation.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galicia recolle nos orzamentos para o vindeiro ano dunha partida de 115 millóns de euros para respaldar financeiramente os proxectos consensuados que poidan xurdir desta Comisión sobre a reactivación económica, social e cultural pola crise da Covid-19, así como do Diálogo Social e do Comité de Expertos Económicos que asesora á Xunta.