Santiago, 9 de decembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa afirmou hoxe no Pleno do Parlamento que a nova Lei de residuos e solos contaminados será o “pulo necesario cara a recollida selectiva e separada, para aproveitar por completo a vida útil dos residuos, consolidando así o cambio de modelo produtivo que permita avanzar a Galicia cara a economía circular. “É toda unha aposta pola prevención, pola reutilización e pola reciclaxe, en liña co principio da xerarquía na xestión de residuos”, apuntou.
Marta Nóvoa lembrou que “Galicia conta neste momento cunha lei autonómica de residuos obsoleta de 2008, polo que resulta imprescindible dispoñer dun novo texto legal, sen prexuízo de que se vaia adaptando en función dos cambios normativos que se vaian producindo”. “É unha nova norma perfectamente acaída no momento actual, no que se está constituíndo a nivel europeo e mundial un novo modelo produtivo no que Galicia non pode quedar atrás”, sinalou.
INCAPACIDADE DO GOBERNO CENTRAL
“Non podemos agardar á presentación da Lei básica estatal, que si leva atraso pois xa foi no mes de xullo cando rematou o prazo para transposición das directivas europeas en materia de residuos e plásticos”, dixo a deputada popular, quen lamentou que “ata agora o Goberno central só foi capaz de sacar un anteproxecto de lei que nin sequera mereceu a aprobación do Consello de Ministros para iniciar a súa tramitación nas Cortes”.
Na súa intervención, Marta Nóvoa asegurou que “a mellor proba da sostibilidade do modelo Sogama é a adhesión voluntaria de 295 dos 314 concellos de Galicia, concellos con gobernos de todo signo político e con competencias exclusivas en materia de recollida e tratamento de residuos que decidiron voluntariamente no seu día encomendarlle a xestión da fracción de resto a Sogama e permanecen adheridos a día de hoxe”.
MODERNIZACIÓN DE SOGAMA
“A propia Sogama ten posto en marcha un drástico proceso de modernización que lle permitiu duplicar cuantitativamente a súa capacidade de tratamento e mellorala cualitativamente, incrementando a recuperación de materiais reciclables do lixo en masa pero mantendo a imprescindible valorización enerxética dos materiais combustibles non recuperables”, apuntou. Ademais, asegurou que “todo iso suxeito a esixentes estándares de eficiencia enerxética e limitación de emisións, en liña coa finalidade de acadar o vertido técnico cero”.
A deputada popular asegurou que esta nova lei “deixa a salvo a competencia dos concellos galegos para articular sistemas alternativos de tratamento de residuos, sempre que se adapten á planificación autonómica e estatal neste materia, para o que recibirán a colaboración da Xunta, do mesmo xeito que está facendo na actualidade”.