Santiago, 9 de decembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que, “no momento que máis se necesita, Galicia contará con máis fondos que nunca para apoiar ás persoas e colectivos que están a afrontar a cara máis dura da peor situación que recordamos”.
En concreto, subliñou que o plan de recuperación social implantado pola Xunta “é moito máis ambicioso que o que propoñen os grupos da oposición” e incidiu que o Goberno galego “será quen de chegar con celeridade a eses fogares máis necesitados e que presentan maiores dificultades, e que será quen de reactivar a economía galega, crear empregos de calidade e seguir combatendo a pobreza”.
Noelia Pérez criticou que tanto BNG como PSdeG “levan anos insinuando unha Galicia máis desigual desde que perderon o goberno e propoñendo medidas cosméticas que non son reais en absoluto, a pesar de que o indicador de risco de pobreza e exclusión da Unión Europea di que Galicia é unha das comunidades autónomas que ten conseguido reducir a súa taxa”.
Así mesmo, contrapuxo os orzamentos do Estado, “baseados nun crecemento irreal dos ingresos e que castigan sen piedade aos galegos e galegas, cos orzamentos da Xunta de Galicia, “os máis altos da súa historia e que prevén afrontar cun importante gasto social as consecuencias derivadas da pandemia”.
En concreto, a deputada popular referiuse ao Plan de recuperación social, dotado con máis de 70 millóns de euros que permitirá reforzar e axilizar a Risga; dotar de axudas extraordinarias aos concellos para incrementar a atención a persoas sen fogar e as axudas de emerxencia social; e a posta en marcha da tarxeta básica, “eloxiada por todas as entidades sociais porque dignifica ás persoas”.
RENOVACIÓN DA AXENDA SOCIAL ÚNICA
Respecto da atención ás entidades de iniciativa social, Noelia Pérez lembrou que “a primeira orde foi de 1,5 millóns de euros xa no mes de xullo para o financiamento de gastos extraordinarios ocasionados pola crise sanitaria, á que se sumou outra de 18 millóns para financiar case mil programas dirixidos a persoas en risco de exclusión”. “Tamén seguiremos traballando na renovación da Axenda Social Única, en colaboración con entidades locais e de iniciativa social”, apuntou.
Ademais, sinalou que “a Xunta está a traballar para redefinir a Risga e as axudas de inclusión social, de xeito que se simplifiquen, reducir ao máximo a burocracia e adaptalas á recente entrada en vigor do ingreso mínimo vital”. “Despois da desfeita material que o Goberno central está a facer co ingreso mínimo vital, porque as prestacións non chegan aos petos dos que máis o necesitan; e da desfeita moral porque se dedicaron a crear unhas expectativas que sabían que eran fogos de artificio, o Goberno galego esixe o traspaso da xestión e dos fondos do ingreso mínimo vital a Galicia do mesmo xeito que se fixo e o están a facer con outras comunidades autónomas”, manifestou.