Santiago, 9 de decembro de 2020.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, lamentou no Parlamento que os grupos da oposición “veñan hoxe pedindo axudas para o sector da hostalería e os autónomos cando os beneficiarios xa están a piques de ingresalas no seu peto”.
Neste sentido, amosou a solidariedade e respaldo do Goberno galego e do PPdeG con estes traballadores “que están sufrindo duramente as consecuencias da pandemia e están a facer un sacrificio que ten como obxectivo salvar vidas, un sacrificio que foi correspondido desde o Goberno galego co maior paquete de axudas ao sector que nunca se fixo en Galicia: 84 millóns de euros”.
Miguel Tellado subliñou que “estas axudas da Xunta son as maiores dunha comunidade autónoma española, por enriba doutras comunidades con moitos máis recursos”, xa que oscilan entre os 3.600 e 9.200 euros para máis de 50.000 profesionais.
“O Goberno galego estivo ao lado destes profesionais desde o primeiro momento, poñendo á súa disposición medidas de apoio, aplaudidas tanto polas asociacións de hostalería como polos autónomos, e non asfixiándoos con impostos como fai o Partido Socialista”, sinalou.