Santiago, 9 de decembro de 2020.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “desde o Servizo Galego de Saúde tomáronse as medidas oportunas para que a situación epidemiolóxica provocase o menor impacto posible co obxectivo de proporcionar o máximo grao de atención ás persoas con cancro”, o que permitiu que “ningún enfermo oncolóxico quedou sen atender e ningún servizo de oncoloxía deixou de traballar”.
Encarna Amigo indicou que “a Xunta levou a cabo un proceso continuo de adaptación e reorganización do sistema sanitario, tanto no que respecta a súa actividade como tamén aos recursos materiais e humanos, coa finalidade de dar resposta á situación extraordinaria asistencial xerada pola pandemia”.
LEI DE GARANTÍAS
“E gracias á Lei de garantías sanitarias, á que tanto BNG como PSOE votaron en contra, púidose garantir en Galicia a asistencia nos tempos máximos establecidos para os pacientes de oncoloxía”, subliñou. Así, concretou que “as distintas áreas sanitarias mantiveron os tempos medios de espera nas vías rápidas, dentro dos estándares legalmente establecidos”.
A portavoz popular anotou que desde o Sergas “tómanse as medidas necesarias para recuperar a participación perdida por eses meses nos programas de cribado e manter altos os índices de participación como en anos anteriores”.
“Somos conscientes de todo o que a pandemia trouxo, da crise que estamos a vivir e do que supuxo o estado de alarma, e tamén somos coñecedores dos estudios que diferentes Sociedades Científicas Españolas, europeas e de moitos países teñen publicado, pero sobre todo sabemos que, grazas ás vías rápidas e aos tempos máximos, existen no SERGAS mecanismos que garanten esa axilidade na detección e no tratamento”, manifestou.