Santiago, 9 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, rexistrada polos tres grupos parlamentarios, a través da que se demanda ao Goberno central á creación da nova especialidade de Medicina de Urxencias e Emerxencias, con tramitación preferente e independente á que corresponda a un novo decreto de troncalidade.
O deputado do Grupo Popular Jesús Vázquez Almuíña salientou que “a pandemia mostrounos uns Servizos de Urxencias maduros, resolutivos e adiantados aos coñecementos do momento”.
Logo de que a especialidade de Urxencias fora recoñecida primeiramente en Irlanda, Reino Unido, os Estados Unidos; posteriormente noutros países do mundo; e dende o ano 2000, nos países da Unión Europea, salvo Portugal e España, “é o momento de recoñecer definitivamente esta especialidade no ámbito sanitario español”, manifestou Vázquez Almuíña.
AGRADECER O TRABALLO DOS PROFESIONAIS
Deste xeito, o deputado popular asegurou que coa proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento galego “se vota por mellorar a homoxeneización asistencial dos servizos; polo desenvolvemento da innovación en urxencias; por garantir unha uniformidade formativa entre os profesionais; pola estabilización das plantillas dos servizos de urxencias; por potenciar a docencia e a investigación; por permitir a libre circulación de profesionais no espazo europeo; e porque se adapten aos novos retos da medicina de urxencias”.
“O Grupo Popular quere agradecer con esta iniciativa a todos os profesionais de todas as categorías o seu traballo continuo nos servizos de urxencias durante tantos anos co único fin de mellorar a sanidade galega”, salientou Jesús Vázquez.