Santiago, 11 de decembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Marta Nóvoa afirmou hoxe que a nova Lei de ordenación do territorio, cuxo ditame foi aprobado hoxe na Comisión 2ª e queda lista para o seu debate definitivo en Pleno, “adáptase á evolución territorial de Galicia e á súa realidade actual, constituíndose como o camiño para garantir a cohesión social e mellorar a calidade de vida non só das xeracións presentes, senón tamén das futuras”.
Marta Nóvoa afirmou que a lexislación urbanística “é unha garantía de éxito para acadar que a ordenación do solo de cada municipio sexa coherente e igualitaria para todos os cidadáns”. “Pero, ao mesmo tempo, tamén son necesarios instrumentos de carácter supramunicipal que garantan esta mesma igualdade de oportunidades a nivel de toda Galicia”, engadiu.
En concreto, manifestou que esta nova lei “establece os criterios xerais para ordenar as actividades sobre o solo, que é un ben limitado e moi sensible; para facer un desenvolvemento sostible e equilibrado; e salvagardando os valores naturais”.
“Esta nova Lei de ordenación do territorio actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos de planificación urbanística para evitar posibles desequilibrios e mellorar a coordinación e planificación integral do territorio en termos de igualdade”, explicou. Así, apuntou que “a finalidade última da ordenación debe ser mellorar de forma equitativa a vida das persoas, tendo en conta o conxunto da súa diversidade e complexidade”.
SIMPLIFICAR O NÚMERO DE FIGURAS EXISTENTES
Nóvoa salientou “o esforzo que se fixo nesta lei para simplificar o número de figuras existentes, para que as que agora se regulan sexan máis efectivas e resolvan os problemas á escala territorial na que se traballa”. Ademais, intégrase o procedemento ambiental e a tramitación do instrumento de ordenación, evitando ter que acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable.
“Establécese un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio, ao tempo que se achega maior seguridade á figura do plan sectorial, concretando e actualizando a súa definición para diferenciala do concepto de proxecto sectorial”, dixo.
Para rematar, Marta Nóvoa subliñou que se trata dunha lei “máis eficaz e eficiente, evitando as cargas administrativas innecesarias ou accesorias, o que supón unha racionalización dos recursos públicos asociados á tramitación dos procedementos administrativos relacionados coas mesmas”.