Santiago, 11 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, a través da que se demanda á Xunta para que impulse diante dos gobernos español e portugués o estudo de fórmulas para evitar os efectos negativos das restricións no paso da fronteira por motivos de saúde pública.
Así mesmo, apóiase a implantación dunha Tarxeta cidadá transfronteiriza que promova a simplificación da vida das persoas e o aumento da eficiencia na Administración Pública baseada nas TIC para a poboación residente nos municipios limítrofes de río Miño.
O deputado popular José Antonio Armada lembrou que “as restricións á libre circulación causaron enormes dificultades á cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal e moitas actividades como o comercio, a educación, os servizos sociais, o deporte e o lecer, así como as relacións interpersoais máis elementais, foron interrompidas abruptamente”. “As eurociudades foron abruptamente cortadas pola metade, reducindo drasticamente a capacidade de circulación de persoas e bens no territorio inmediatamente circundante”, sinalou.
EVITAR NO FUTURO REPETIR A SITUACIÓN
Neste sentido, afirmou que o 44 por cento dos vehículos que transitaron entre Portugal e España durante o peche de fronteiras fixérono pola ponte Tui-Valença, polo que “o impacto do peche de fronteiras é moito máis relevante nesta área que noutros espazos”.
“Por esta razón debe existir unha discriminación positiva deste territorio no que respecta a medidas de combate contra os efectos da pandemia, no ámbito do financiamento a través dos fondos europeos estruturais e de investimento do novo período de programación 2021-2027, mais tamén se debe tentar evitar que no futuro poida repetirse esta situación”, demandou o deputado popular.
José Antonio Armada referiuse á Estratexia de reactivación da cooperación de proximidade elaborada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na que se propón o desenvolvemento urxente de protocolos de actuación relativos aos movementos transfronteirizos, tanto para hipotéticos futuros peches como para as posteriores reaperturas. Así mesmo, inclúe protocolos conxuntos para emerxencias sanitarias e biolóxicas.