Santiago, 14 de decembro de 2020.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou hoxe que no Pleno da vindeira semana procederase á aprobación definitiva das dúas primeiras leis desta lexislatura, “dunha relevante lista de dez textos lexislativos que se están a tramitar na actualidade no Parlamento galego, que reflicten o ritmo e o traballo intenso que se está a facer”.
Pedro Puy informou que na reunión do Grupo Popular celebrada esta mañá xa participaron os novos deputados que tomarán posesión do seu cargo no vindeiro Pleno e que veñen substituír aos recentemente nomeados presidentes das autoridades portuarias de A Coruña, Vigo e Vilagarcía. Os novos deputados popular son Ana Belén García Vidal, de Noia; María Felisa Rodríguez Carrera, de Mos; e Manuel Santos Costa, de Marín.
PRESUPOSTOS EXCEPCIONAIS PARA SITUACIÓN EXCEPCIONAL
Así mesmo, o portavoz popular avanzou que na vindeira semana terá lugar o Pleno para o debate das emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición aos orzamentos da Xunta para 2021. Neste sentido, afirmou que estas contas “son excepcionais para unha situación excepcional, os máis altos da historia de Galicia ao superar os 11.500 millóns de euros”.
?Os #orzamentos2021 da @Xunta a debate no próximo Pleno,Puy os cualifica de excepcionais para unha situación excepcional pensados para superar a pandemia,reactivar a economía e o emprego atendendo as necesidades das familias e reconducindo os obxectivos xerais da economía galega pic.twitter.com/8iJ34TeCJL
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 14, 2020
“Son uns orzamentos pensados para a recuperación económica do país”, sinalou o portavoz popular, quen apuntou que “estanse a tramitar no Parlamento galego sen saltarse ningún trámite, cuestión salientable tendo en conta as experiencias que estamos a ver noutros ámbitos”. Ademais, dixo que son unhas costas “con ingresos excepcionais, ao incorporar as transferencias do Estado que corresponden a Galicia para superar a pandemia, a primeira anualidade dos fondos europeos e se apuran os seus obxectivos de déficit ao 1,1 por cento, en liña co que o Estado autoriza ás comunidades autónomas”.
Respecto do Pleno ordinario, Pedro Puy avanzou que terá lugar a elección dos novos membros no Consello de Contas de Galicia (a proposta do Grupo Socialista) e no Consello Consultivo, onde se procederá á elección de tres membros dos que dous corresponden ao Grupo Popular (José Luís Costa Pillado e Ignacio Aranguren Pérez) e outro ao BNG.
NOVOS TEXTOS LEXISLATIVOS
Por último, o portavoz popular sinalou que se procederá ao debate para a súa aprobación definitiva dos proxectos de Lei de ordenación do territorio e de pesca continental de Galicia.
“Serán as dúas primeiras leis que o Parlamento galego aproba nesta lexislatura, dunha lista relevante que reflicte o ritmo e o traballo intenso que estamos a desenvolver nestes primeiros meses de actividade”, salientou. Así, Puy lembrou que, ademais destas dúas leis que se aprobarán na vindeira sesión plenaria, están en proceso de tramitación parlamentaria o proxecto de lei de orzamentos xerais da Xunta para 2021; o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas; o proxecto de lei de impulso demográfico de Galicia; o proxecto de lei de residuos e solos contaminados de Galicia; o proxecto de lei reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia; o proxecto de lei de museos e outros centros museísticos de Galicia; e as proposicións de lei de modificación da Lei de saúde de Galicia e de simplificación administrativa e do apoio á reactivación económica de Galicia.
✅Intensa axenda lexislativa nos primeiros 100 días de @FeijooGalicia na @Xunta :orzamentos, medidas fiscais, pesca continental, ordenación do territorio,impulso demográfico,residuos, acción exterior, museos e proposicións de lei de reforma Saúde e simplificación administrativa pic.twitter.com/ulLDwpZmP2
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 14, 2020