Santiago, 23 de decembro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención dos socialistas galegos, a través da que se solicita do Goberno de España a inclusión dunha partida orzamentaria, dotada con alomenos 30 millóns de euros, para a promoción do Xacobeo 2021 en Galicia. “Queremos que o vindeiro ano sexa esa gran oportunidade de país, ese catalizador de toda a industria turística e, polo tanto, de todas as cadeas de valor asociadas, e para iso pedimos e necesitamos a colaboración de todas as administracións públicas, e nomeadamente do Goberno de Pedro Sánchez”, sinalou o deputado popular Borja Verea.
Na súa intervención, Verea criticou que os orzamentos xerais do Estado “destinan cero euros ao Xacobeo 2021, o que consideramos unha anomalía porque é difícil atopar unha explicación racional para que o maior evento turístico que se celebra en España o vindeiro ano non reciba aportación algunha do Goberno central”.
“A única razón de que non se apoie o Xacobeo 2021 por parte do Goberno de Pedro Sánchez é que este evento turístico é, principalmente, galego e faise en Galicia”, sinalou. Por este motivo, sinalou que “estamos a tempo de corrixir esta situación, polo que é necesario que mandemos unha mensaxe de unidade e contundente desde o Parlamento galego”.
Borja Verea apuntou que o Xacobeo 2021 “non pode ser unha transacción dunha vinganza política, porque é patrimonio de todos e forma parte da nosa galeguidade”. “É unha cuestión de dignidade, pero tamén de responsabilidade coas nosas industrias turísticas e culturais nun ano clave no que todos esperamos que sexa o da superación da crise sanitaria e da reactivación do país”, apuntou.
O deputado popular manifestou que o Xacobeo 2021 “será diferente, incerto e difícil, pero terá todo o apoio político, institucional e orzamentario por parte da Xunta de Galicia”. Deste xeito, indicou que “non podemos perder esta oportunidade, no momento que máis o necesita o país, para apoiar ás nosas industrias turísticas e o seu efecto de arrastre de todas as cadeas de valor”.