Santiago, 1 de febreiro de 2021.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, criticou hoxe que “calquera insinuación que diga que Galicia non vacina máis rápido por outro motivo que non sexa que non dispón das vacinas é completamente irreal e falsa”. “Se non chegan as vacinas, porque hai problemas no subministro ou cos contratos da Unión Europea, non é culpa de Galicia”, asegurou.
Pedro Puy afirmou que “a Xunta está en perfecta disposición para subministrar todas as vacinas conforme vaian chegando”, e concretou que “temos capacidade de poñer 100.000 ao día, grazas a contar con persoal formado e non hai ningún problema por parte da organización da Xunta”.
“Queremos tranquilizar a todo o mundo e que saiba que Galicia vai poñer as vacinas conforme cheguen, e confiamos que cheguen o antes posible e de maneira xusta, respectando os tramos de poboación que teñen prioridade na vacinación”, demandou.