Santiago, 2 de febreiro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro criticou hoxe no Parlamento galego que o BNG pretenda “enganar aos galegos cunha proposición non de lei trampa” a través da que solicitan que a Xunta elabore unha nova lei que permita a modificación excepcional dos contratos de arrendamento de locais de negocios cuxa actividade fose limitada como consecuencia da pandemia.
“Saben perfectamente que a imposición legal dunha redución da renda é unha competencia exclusiva do Estado, polo que é ao Goberno central a quen lle corresponde establecer o réxime xurídico do contrato de arrendamento, na actualidade regulado pola lei estatal de arrendamentos urbanos e o Código Civil”.
José Manuel Balseiro lembrou que “unha norma similar aprobouse en Cataluña e hoxe ten discutida a súa constitucionalidade, polo que estaríamos a enganar aos galegos aprobando unha norma que non se pode aplicar porque non é competencia da Xunta”.
“Se os nacionalistas están tan convencidos desta lei, teñan a valentía de presentar a proposta ante o Congreso dos Deputados e intenten convencer das súas bondades aos seus socios de investidura e en moitos concellos e deputacións de Galicia”, indicou.
Así mesmo, o deputado popular criticou aos socialistas galegos por “pretender que os galegos paguen do seu peto axudas que lle corresponde aprobar ao Goberno central, pero que non aproban porque non queren”.