Santiago, 4 de febreiro de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que manteña os centros locais de sanidade marítima de Corcubión e de Muros e a cubrir, de xeito inmediato, a baixa da persoa que viña atendendo o servizo de Corcubión.
Así mesmo, solicítase o mantemento en pleno funcionamento todas as instalacións do Instituto Social da Mariña (ISM) para dar as prestacións requiridas polo sector pesqueiro en todo o territorio galego, reforzar as plantillas e ofrecer os servizos coa calidade que o sector demanda e merece.
O deputado popular Alberto Pazos indicou que “apoiamos esta proposición non de lei do BNG porque se limita a insistir nas mesmas peticións que a Xunta está a trasladar ao ISM desde hai meses, recollendo o sentir unánime da xente do mar e converténdose no altofalante do sector galego e, de maneira puntual, da frota de Corcubión”.
SILENCIO E MANIPULACIÓN DO GOBERNO CENTRAL
Pazos lamentou que, “a pesar de contar co apoio das federacións provinciais, galega e nacional de confrarías e da Xunta de Galicia, a única resposta que recibiron do Goberno de Pedro Sánchez os mariñeiros desta comarca foi o silencio e a burda manipulación de datos para xustificar o inxustificable”.
En concreto, sinalou que o Goberno central mantén o silencio sobre a cobertura das prazas vacantes nos centros do ISM, a dotación de EPIs para o sector ou a posibilidade de facer test, “a pesar de que este instituto ten a competencia de sanidade a bordo e dispón de medios técnicos e humanos para desenvolvela”.
Ademais, Alberto Pazos explicou que o centro do ISM de Corcubión “está a realizar en proporción aos seus medios humanos o mesmo traballo que calquera outro de Galicia”, polo que lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez está a manipular eses datos co único fin de xustificar o proceso de desmantelamento do ISM en Galicia”.
Deste xeito, criticou “a actitude de abandono das responsabilidades propias do ISM en Galicia, especialmente durante o período de pandemia que estamos a vivir, situación que se pon de manifesto coa ausencia na emisión de certificados para o embarque ou coa falta de test para o control das tripulacións”.