Santiago, 10 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a supresión ou modificación substancial, previo diálogo co sector afectado, do artigo 18 do proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética, que modifica a Lei de Costas para limitar o prazo máximo de duración das concesións das empresas da cadea mar-industria e se establece a obriga de derivar fóra da zona de dominio público marítimo-terrestre as actividades que poidan desenvolverse noutro lugar.
“Pedimos que se emprenda un estudo profundo e o indispensable diálogo co complexo mar-industria alimentario, ofrecendo con iso un marco de estabilidade necesario para o mantemento dos investimentos e do emprego”, sinalou a portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique criticou que o Goberno central “pretenda colar pola porta de atrás, unha vez máis, unha reforma que afecta de maneira especial á Galicia costeira”. “Estamos a falar dun proxecto de lei moi nocivo para a cadea mar-industria, polo que hai que desactivar o proceso que na actualidade se atopa na fase de ponencia no Congreso”, apuntou.
“Hai que desactivar ese proceso de xeito definitivo”, indicou a portavoz popular, quen insistiu que o Goberno central “ten que cambiar de criterio se queren defender a cadea mar-industria, que en Galicia da emprego a cerca de 2.900 persoas e que entre 2009 e 2019 aumentou as súas exportacións nun 80 por cento”.
EMENDAS PRESENTADAS NO CONGRESO
Teresa Egerique manifestou que o Grupo Popular no Congreso ten presentada emendas a este proxecto de lei de cambio climático solicitando a supresión dos puntos 3 e 4 dese artigo 18 para evitar as consecuencias da súa aplicación na Lei de Costas.
Ademais, lembrou que “defendemos un regulamento da Lei de Costas que teña en conta a necesaria viabilidade e sostibilidade das industrias que se relacionan co mar; que se manteña un principio de seguridade xurídica para que os afectados non dependan de cambios arbitrarios na lexislación que poidan poñer en risco a súa actividade; e un escenario clave e preciso para que as empresas poidan seguir coa súa actividade con normalidade”.